As inscricións para participar abriranse o 16 de abril ás 10 da mañá.

A XI Media Maratón Ribadeo-As Catedrais terá lugar o 13 de setembro. Esta edición chega con novidades no percorrido debido ás obras da rúa Buenos Aires. As inscricións para participar abriranse o 16 de abril ás 10 da mañá.

O concelleiro de Deportes, Francisco José SIlvent, dixo: “presentamos hoxe a décima primeira Media Maratón Ribadeo-As Catedrais, que se celebrará o 13 de setembro. As inscricións abriranse a vindeira semana, o 16 de abril ás 10 da mañá”.

O edil ribadense subliñou que “esta edición presenta novidades nos dous primeiros quilómetros debido ás obras que se acometerán na rúa Buenos Aires, e que nos obrigan a modificar a saída. A Media Maratón Ribadeo-As Catedrais partirá do Parque de San Francisco por Villafranca del Bierzo, Rodríguez Murias, San Roque, Virgen del Camino, Avenida de Galicia, José Vicente Pérez Martínez, Avenida de Asturias, estrada ata Vilavella, Amador Fernández, peirao de Mirasol e despois xa continúa polo seu percorrido habitual”.
Silvent dixo: “desde a organización agardamos que sexan moitas as corredoras e os corredores que se animen a participar nesta nova edición da media maratón. O ano pasado foron máis de 660 os deportistas que a correron e agardamos poder superar esa cifra neste 2025. Moitos veñen acompañados das súas familias ou de grupos de amigos e pasan a fin de semana na nosa vila, co que iso supón para os hoteis, para os restaurantes ou mesmo para o comercio”.

O concelleiro de Deportes tivo palabras de agradecemento para os colaboradores: “tamén queremos agradecer a todos os colaboradores a súa implicación coa Media Maratón Ribadeo-As Catedrais”.

Desde El Progreso manifestaron que “no grupo El Progreso estamos encantados de colaborar un ano máis con esta importante cita deportiva, que reúne a centos de corredores chegados en equipo ou acompañados polas súas familias para disfrutar da carreira e dunha fin de semana do verán en Ribadeo”.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, indicou que “toda actividade desta índole ten repercusións positivas na economía local e iso é sempre moi importante. Estamos a falar dunha fin de semana do mes de setembro, aínda no verán, polo que participantes e acompañantes aproveitarán para gozar da nosa vila, da súa paisaxe, do seu patrimonio cultural, da súa gastronomía e do seu comercio. Agardamos que un ano máis gocen de todo o que Ribadeo lles ofrece”.

Na presentación que tivo lugar esta mañá participaron o alcalde, Dani Vega, o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, o técnico municipal de Deportes, Iván López, a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, o xerente do colectivo empresarial, Jesús Pérez, e Sandra González, a autora do cartel da décimo primeira edición da Media Maratón Ribadeo-As Catedrais.