O rexedor tamén aludiu hoxe á oleada de roubos rexistrada hai uns días en Ribadeo e ás críticas verquidas pola oposición municipal. Suárez Barcia dixo que “PSOE, PSOE e UPRI están todos disgustados porque o alcalde amose a súa preocupación por estes roubos e pouco menos que vou ser responsable destes feitos e incluso da morte de Viriato… reafírmome en todo o que dixen. Estou moi satisfeito cando se fan as xuntas locais de seguridade con representantes da Subdelegación do Goberno, da Garda Civil e dos diferentes corpos, pero téñome queixado moitas veces que os acordos adoptados non se plasman na práctica”.

Fernando Suárez lembrou que “esa foi a miña queixa do outro día, xa que houbo varios roubos en Ribadeo e nin a Policía Local se enterou nin o alcalde. O de menos é que se entere o alcalde, a min o que me preocupa é que se entere a Policía Local, que os chamen, que os avisen para que eles poidan axudar. O alcalde o que quere é coordinación entre os diferentes corpos de seguridade, ben sexa a Policía Local ou a Garda Civil, e para mostra un botón xa que despois de facer esas declaracións, nas que me reafirmo da primeira a última palabra, noto positivamente un cambio de actitude, noto que está a haber unha maior coordinación porque, segundo me din os responsables da Policía Local, a Garda Civil empeza a chamar e a comunicar aspectos para a coordinación de actuacións, para indicar que se producen determinados incidentes e que a Policía Local poida participar”.

O alcalde de Ribadeo subliñou que “só queremos axudar nunca entorpecer, eso foi o que fixen e que tanto lle molesta á oposición, pero eles están no dereito de dicir o que lles apeteza e eu estou no meu deber de intentar garantir unha convivencia pacífica en Ribadeo”.