O hotel Bouza recibirá o vindeiro venres, 31 de maio, o seu galardón xunto a La Solana, La Villa e O Tumbín, que foron os tres locais elixidos por un xurado profesional coma os que ofreceron as mellores creacións da cociña en miniatura. O acto, que terá lugar no salón de plenos do Concello de Ribadeo a partires das 18 horas, contará coa presenza do alcalde, Fernando Suárez, e da concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo, Ana Martínez.

Tamén se fará entrega dos agasallos a aquelas persoas que probaron máis tapas durante o Ribadeo de tapeo. As que consumiron máis de 20 e deixaron as súas tarxetas nas urnas entraron no sorteo de premios como noites de hotel, voos en avioneta, fins de semana en casas de turismo rural, cursos de surf ou bonos de consumo para a praza de abastos. Para converterse en Lapeiro de ouro do Ribadeo de tapeo había que ter o selo dos 55 locais participantes.