A sétima fase da rehabilitación do núcleo histórico de Ribadeo vai supoñer un investimento de 340.000 euros desde o 2009 ao 2011 e posibilitará o arranxo de 20 vivendas. Desa cantidade, segundo o convenio asinado esta mañá polos representantes das tres administracións implicadas, o Concello de Ribadeo achegará 54.000 euros, a Consellaría de Vivenda e Solo 130.000 e o Ministerio de Vivenda 156.000.


Fernando Suárez asegurou que este novo convenio supón un novo paso adiante “na ansia por recuperar un dos cascos históricos mellores e máis singulares de todo o país, ainda que nunha situación nalgúns aspectos bastante deteriorada”. O rexedor ribadense informou tamén de que este desembolso de cartos vai supoñer que “os veciños e veciñas propietarios/as de vivendas no núcleo vello de Ribadeo poidan seguir beneficiándose destas axudas, que non son só de agora porque temos unha oficina desde hai anos que vén tramitando este tipo de subvencións”.

Colaboración municipal

Fernando Suárez considera que, coa sinatura deste convenio, se segue “tendendo a man a todos aqueles propietarios e propietarias de vivendas que as teñen moitas veces nun estado lamentable”. O rexedor engadiu que, con todo, “tamén hai que dicir que moitos dos propietarios e propietarias que viven nesas vivendas do núcleo vello se interesan e se informan e piden subvencións para tentar ter as súas casas da mellor maneira posible, son case exclusivamente as persoas que non viven aquí as que se despreocupan do seu patrimonio e das súas obrigas”.

O alcalde ribadense lembrou que o Concello de Ribadeo seguirá pedindo responsabilidades en canto á salubridade, seguridade e ornato pero tamén tendendo a man a aquelas persoas que rehabilitan o seu patrimonio e axudan a mellorar a estética da zona vella da vila ribadense.