O rexedor declarou: “interesante este pleno ordinario celebrado onte onde practicamente todos os puntos da orde do día saíron por unanimidade. Ademais da declaración dos festivos locais para o ano que vén que quedaron o día de San Roque, 16 de agosto, e o día da Patroa, o 8 de setembro, aprobamos un suplemento de crédito para ter efectivo para un convenio extraordinario que temos que asinar con Acisa e tamén para poder adquirir un novo vehículo para a policía local”.

Alcalde honorario
Suárez Barcia explicou que “se acordou tamén por unanimidade deixar sen efecto o acordo do Concello do ano 1939 no que se nomeou Alcalde Honorario ao ditador Franco. Tendo coñecemento hai poucas datas deste acto, decidimos aplicar a vixente lei de memoria histórica que indica que as Administracións Públicas debemos tomar as medidas oportunas contra os actos de exaltación da sublevación militar ou da ditadura. E desde logo que honrar a un ditador non é posible nos tempos que corren polo que onte puxemos ao ditador onde debe estar, desterrado de toda simboloxía de recoñecemento”.

A situación da sanidade en Ribadeo tamén foi protagonista no pleno ordinario celebrado onte: “E unha das cuestións que tratamos, de urxencia ademais, foi a reclamación á Xunta de Galicia dun plan de recuperación dos cadros de persoal do Sergas, do reforzo da atención primaria e da mellora no rastrexo do Covid19, e especialmente en Ribadeo. Dixemos isto porque en Ribadeo hai menos profesionais que hai dez anos cando se trata moita mais xente que daquela durante todo o ano, e especialmente no verán a situación tórnase desastrosa. Duns anos a esta parte o cadro de persoal médico de mañá reduciuse nun 50% pasando de 6 a 3 profesionais, que puntualmente se reforzan con outra profesional do PAC. E porque tamén vemos que a cidadanía que escolleu atención médica na quenda de tarde agora só recibe esa atención 2 días á semana e obrígana a acudir polas mañás nos 3 días restantes”, seguiu a relatar o alcalde de Ribadeo. 

Fernando Suárez dixo que “de feito o propio Partido Popular recoñeceu que a atención sanitaria tiña que mellorar. Solicitámoslles a recuperación das prazas perdidas e nunca cubertas como as de médico, auxiliar de enfermería, etc. E tamén a cobertura de todas as ausencias do persoal sanitario (médico, pediátrico, enfermería, matrona) e sociosanitario que garantan o nivel de calidade na atención. E solicitámoslles igualmente a dotación do persoal que permita abrir en quenda de tarde a sala de rehabilitación e polo tanto rebaixar a lista de agarda e a derivación de pacientes a servizos concertados privados, que é o que se está a facer realmente”.

E engadiu: “e logo finalmente no apartado de rogos e preguntas, coma sempre, fomos tomando boa nota daquelas que son positivas e que nos axudan a mellorar no día a día e fomos rexeitando aqueloutras oportunistas e que só pretenden xogo político sen mais”.