O rexedor dixo que “de acordo coa resolución dada o día 12 deste mes, pola que suspendíamos as autorizacións da vía pública, en tanto se manteña o estado de alarma, quedan polo tanto suspendidos os mercadiños dos mércores e dos sábados. Con todo as instalacións da praza de abastos seguirán abertas para manter o abastecemento á poboación, aínda que respectando as medidas de seguridade e hixiene que toda a cidadanía debe comprometerse a manter”.

Fernando Suárez engadiu que “entendemos que estas medidas, que son máis ou menos as que están tomando outros Concellos, servirán para que entre todos poidamos loitar, e non me cabe a menor dúbida que a inmensa maioría da xente nestas horas de luns está actuando con corrección e esperemos que poidamos saír deste túnel canto antes. Mentres iso non sexa así temos que actuar todos seguindo as recomendacións e as instrucións das autoridades sanitarias ou as autoridades gobernamentais competentes, ben sexan do Estado, da Xunta ou do Concello”. 

A Concellaría de Medio Ambiente informa que queda suspendida a recollida de cartón porta a porta, a recollida de enseres e tamén a atención ao público no punto limpo ata novo aviso.