Fernando Suárez referíuse hoxe ao corte de luz, que sufriu xa estes días, o alumeado da ponte dos Santos, “o Concello non é para nada responsable dese corte de luz tal e como insiste o Ministerio de Fomento en dicir que seremos responsables os Concellos de Castropol e Ribadeo se non hai luz e se produce algún incidente nese espazo”.

O alcalde rexeita categóricamente esas afirmacións de Fomento, “dado que nin o Concello de Castropol nin o de Ribadeo somos responsables de elementos que non son da nosa titularidade. Sempre se alude a convenios, que eu nunca vin por escrito da pertinencia de que Ribadeo tivese que pagar un céntimo polo alumeado público da ponte dos Santos. E mais moitas veces me teño referido a que desde hai varios anos na autovía A-8 ao seu paso pola parroquia ribadense de Vilaselán todo ese alumeado non o asume o Concello de Ribadeo senón que se encarga a Demarcación de Estradas do Estado en Galicia. Polo tanto nunca o imos facer na ponte do Santos e a responsabilidade do corte de luz será do seu titular, que é o Ministerio de Fomento”.