O concelleiro de Desenvolvemento Local de Ribadeo, Pablo Vizoso, contou que “co lema Estamos listos/as para recibir os teus pedidos, o Concello de Ribadeo dende a Delegación de Desenvolvemento Local, Turismo e Economía lanza a iniciativa A pedir de boca, para poñer a disposición do público e dos hostaleiros unha plataforma tecnolóxica que permita a visibilización conxunta de todos os establecementos adscritos e adheridos a esta iniciativa. Trátase dunha aplicación para móbiles, tanto Ios como Android, desde a que se ofrecerán propostas culinarias pensadas para levar a domicilio ou para recoller no propio establecemento. Para desenvolvela utilizaremos a xa coñecida aplicación Ribadeo Gastronómico, que ata agora se viña empregando no concurso Ribadeo de Tapeo”.

O edil explicou que “unha vez que se descargue esta aplicación e que se acceda a ela, poderase xa a partir de agora obter información de todos os establecementos que ofrecen a comida a domicilio ou para levar, e permite tamén realizar buscas por categorías dos locais, é dicir, por restaurantes, establecementos de racións, pizzerías, etc…, e tamén permitirá atopar unha oferta gastronómica permanente ou escoller os menús especiais para este Nadal. Unha vez que o cliente escolle o establecemento, realizará o seu pedido segundo a modalidade que o local propoña, que poderá ser vía telefónica, chat de whatsapp ou outras modalidades. Os pedidos deberán ser verificados sempre polo hostaleiro, remitindo unha resposta á clientela na maior brevidade posible e os pagos tamén serán directamente xestionados entre o cliente e o hostaleiro, indicándose sempre a forma de pago admitida polo establecemento, ben sexa por tarxeta, en efectivo ou online”.

Pablo Vizoso dixo que “sabemos que a tendencia de encargar comida a domicilio ou para levar está en alza e por iso precisamente cremos que este é o momento de dar a coñecer, dunha maneira integrada, este novo servizo promovido polo Concello de Ribadeo, e que xa actualmente algúns establecementos da vila o están a ofrecer. Á súa vez estamos seguros que esta ferramenta poderá ser empregada para promocionar os menús especiais de cara a este Nadal”. E engadiu que “no momento do lanzamento a app conta xa con máis de vinte establecementos adheridos, pero aínda así quero remarcar que se trata dunha ferramenta viva e que está pensada para novas incorporacións e para posibles modificacións nun futuro próximo. De feito, aqueles establecementos que queiran adherirse poderán facelo de forma gratuíta, sempre que o seu negocio estea ubicado en Ribadeo, pertenza ao sector da hostalería e dispoña evidentemente do servizo de comida a domicilio ou comida para levar”.

O concelleiro de Desenvolvemento Local, Turismo e Economía subliñou que “con esta nova iniciativa dende o Concello de Ribadeo o que se pretende é ofrecer unha promoción e unha publicidade aos establecementos hostaleiros con servizo de comida para levar ou para domicilio, ampliando o seu número de clientes sen interferir na capacidade do local, que se ve lastrada polas continuas restricións de aforos. Ven ser unha maneira de innovar e de renovar a imaxe dos negocios dándolles un valor engadido porque é unha posibilidade de contactos con clientes e novos clientes a tan só un click do propio teléfono”.