Polas oficinas desta entidade bancaria para facerse coas súas panchas pasaron tamén o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, a concelleira de Comercio, Ana Martínez, o presidente de Acisa, Francisco Iriarte, e o xerente da asociación, Jesús Pérez.

O rexedor declarou que “é gratamente sorprendente vir, a esta primeira hora da mañá, facer os primeiros canxes de euros por panchas e ver que xa levan unha serie importante delas vendidas, tendo en conta que aínda mañá, venres, é cando empeza o prazo para poder comprar con elas nos máis de 80 comercios que ao final se adheriron a esta iniciativa que pretendemos que sexa un revulsivo para o comercio local”.

Fernando Suárez explicou que “a iniciativa está enmarcada dentro dunha intención moi ambiciosa por parte do Concello de Ribadeo de apoiar a este sector tan importante para nós en Ribadeo como é o comercio local. Coa colaboración de Acisa e da entidade ABanca é posible que poidamos poñer a andar a nosa propia moeda de curso legal e poidamos dicir aquilo, que aquí si que funciona de que podemos dar os pesos a catro pesetas, porque é certo que por 30 euros dan 40 panchas e podes ter un desconto dun 25% en todos estes comercios, coas limitacións que están establecidas nas bases e que en ABanca lles van dar un folleto informativo co que se pode e non se pode facer a todas as persoas que veñan canxear 30 euros por 40 panchas”.

O alcalde amósase convencido de que “isto vai ser un revulsivo para a economía local, isto fai un efecto multiplicador e este diñeiro acábase convertendo en moito máis, facilita nesta tempada baixa para o comercio local que se dinamicen as ventas, e os nosos amigos da Mariña e do occidente asturiano teñen un reclamo, máis que nunca, para vir mercar a Ribadeo”.

Pola súa banda o presidente de Acisa, Francisco Iriarte, dixo que “estamos moi contentos porque estamos a primeira hora da mañá e xa o movemento é importante. Ademais desde Acisa estamos moi satisfeitos porque o 80% de locais que están apuntados son socios nosos, e pensamos que vai ser un éxito”. Iriarte insistiu en que “hai moita xente anotada de Acisa, e sería unha pena desaproveitar este momento xa que son 40.000 euros rodando por Ribadeo que hai que gastar nalgún sitio. É un éxito antes de empezar e creo que o diñeiro vai ser pouco, e vai durar pouco tempo polo ritmo que leva de retirada en ABanca esta mañá”.

Toda a información sobre a moeda local de Ribadeo e desta campaña pode atoparse en http://panchamoedalocal.ribadeo.org