O rexedor dixo que “despois de que a semana pasada a Xunta finalmente os dera autorización para iniciar o proceso de licitación das obras da residencia estes días os técnicos municipais estiveron traballando en equipo para que dentro de moi poucos días se poida levar a pleno este asunto. Deste xeito estamos a seguir a folla de ruta que nos tiñamos plantexado e mañá pola tarde teremos unha xuntanza cos portavoces de todos os grupos municipais para explicarlles todos os pormenores que os técnicos están a realizar no prego de condicións técnicas e específicas para poder licitar esta obra tan importante”.

Suárez Barcia conta levar a pleno dita licitación nos vindeiros días “así coma o acordo para que o Concello asuma transitoriamente a diferenza que resta para financiar a totalidade da obra, dado que hai que lembrar o compromiso da Xunta de aportar 500.000 euros para esta infraestrutura, pero ese compromiso aínda non se fixo efectivo porque non se asinou o correspondente convenio”.

O alcalde ribadense engadiu que “para non perder tempo, dado que neste ano 2014 temos que ter invertido unha cantidade maiúscula de diñeiro en función do convenio que si temos asinado coa Deputación Provincial de Lugo, é polo que necesitamos licitar a obra canto antes subrogándonos nós como Concello na parte que ten que poñer a Xunta. Agardo e confío plenamente en que acaben cumprindo a súa palabra. E agardo tamén que dentro de poucos días poidamos celebrar este pleno que dea luz verde ao arranque da licitación destas obras, tan esperadas por todos, como o será a nova residencia de maiores de Ribadeo”.