O 9 de agosto celebraráse en Rinlo a quinta edición da festa do percebe, que organiza a Agrupación de Percebeiras de Ribadeo, coa colaboración do Concello, a Delegación Provincial de Pesca e a Dirección Xeral de Turismo.
Na presentación que tivo lugar esta mañá en Rinlo o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, asegurou que esta festa reflicte o traballo e o sacrificio de todas estas persoas, a maioría mulleres, que arriscan as súas vidas para sacar este produto do mar. Ademais, declarou o rexedor, a festa serve para poñer en valor “unha das parroquias máis fermosas que pode haber no país como é a parroquia urbana de Rinlo”.
O ano pasado achegáronse milleiros de persoas que en poucas horas remataron cos 1.000 kilos de percebe que se puxeron á venda para a súa degustación, nunha cita que lle da unha proxección internacional a este evento gastronómico, etnográfico e cultural. Segundo o alcalde, esta festa é a actividade festeira que máis xente pode atraer a Ribadeo no verán.
Fernando Suárez convidou aos veciños da Mariña de Lugo e do Occidentes astur ademais de aos turistas que nos visiten a achegarse a Rinlo o vindeiro 9 de agosto a participar desta quinta festa do percebe. “Que se acheguen mellor pola mañá porque igual pola tarde xa se esgotou o producto” apuntou.