Varias rúas recibiron esta mañá novos nomes en Ribadeo. Foron a rúa dos Garitos, a avenida Ría de Ribadeo, as rúas Juan Suárez Casas, Segundo Moreno Barcia e José Couso. Ao descubrimento da praca desta última asistiron a familia e os amigos do cámara asasinado en Irak. Ata Ribadeo chegaron a súa viúva, os seus fillos, a súa nai e a súa irmá, ademais doutros parentes.

O alcalde, Fernando Suárez, lembrou que “José Couso foi unha vítima colateral dun conflito imperialista” e engadiu que “os militares estadounidenses que ordenaron o ataque contra o hotel onte estaba o reporteiro non saen do seu país por temor a seren detidos en Europa, pero foi un crime de guerra e ten que haber xustiza”. Aos actos desenvolvidos esta mañá en todas estas rúas acudiron varios membros da Corporación Municipal de Ribadeo. Todos contaron coa animación musical dun grupo de alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música e Danza ribadense.