A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo impulsa cada curso escolar unha serie de audicións das diferentes disciplinas que ofrece o centro e nas que participa boa parte do alumnado. Neste 2025 terán lugar entre os meses de marzo e xuño.

A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo impulsa cada curso escolar unha serie de audicións das diferentes disciplinas que ofrece o centro e nas que participa boa parte do alumnado. Neste 2025 terán lugar entre os meses de marzo e xuño.
O responsable do centro, Hugo García, dixo que “tanto para o alumnado como para as familias cremos que é un momento especial, de poñer en valor o traballo feito dentro da aula e, ao tempo, unha ocasión para achegar máis aló das catro parades da Escola, toda canta actividade leva a cabo o centro”.
Dende a vindeira semana e ata o mes de xuño a EMMeD de Ribadeo ten programadas un total de once audicións, dirixidas a toda a cidadanía. A audición do alumnado de oboe e saxofón será o próximo mércores, 19 de marzo, no Salón de Actos. Seguirán a audición do alumnado de frauta o 25 de marzo na Escola, a de percusión o 4 de abril na Escola, a audición de corda terá lugar o 11 de abril tamén na Escola, a de vento metal está programada para o 7 de maio na Escola, a de danza desenvolverase o 9 de maio no auditorio municipal, a de piano será o 20 de maio na Escola e a de música tradicional o 22 de maio tamén na EMMeD. Aínda quedan unhas datas por programar. Todas as actividades serán abertas ao público ata completar aforo.
Hugo García engadiu: “estas actividades son parte da programación anual do centro xunto aos festivais, aos concertos nas parroquias… mantendo así unha das características fundacionais do centro, que é o feito de achegar a música ao conxunto de veciños e veciñas da vila e arredores”.
A concelleira de Educación e Cultura, Begoña Sanjurjo, convida “á cidadanía a achegarse a gozar destas audicións e da evolución do alumnado. Estas citas son tamén un bo momento para achegarse á música e á danza e animarse a formar parte da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo”.