Será o 15 de xuño con dúas sesións: unha pola mañá e outra pola tarde

Cartel Fin de Curso

A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo celebra o sábado, 15 de xuño, ás 11:30 e ás 18:00 horas, no Auditorio Municipal Hernán Naval o seu tradicional festival de Fin de Curso, dentro dos actos do 30 aniversario do centro. Na sesión da mañá será o alumnado máis pequeno o que participe. Xa na sesión da tarde serán as grandes agrupacións das diferentes especialidades instrumentais e de danza.
Hugo García, o responsable da EMMeD, salientou que o festival será “un ano máis unha caixa de sorpresas. Este ano decidimos romper coa idea dun festival temático, porque cremos que a ocasión o merece e que os 30 anos da Escola había que celebralos con actuacións especiais, con presenza de xente que pasou polo centro durante este tempo”.

E subliñou que “será, unha vez máis, un festival que non deixará a ninguén indiferente. Tentamos sorprender á xente cun festival concibido para que o desfruten non só no plano musical, que por suposto que o farán, senón tamén na ambientación, nas presentacións…”.

A concelleira de Educación, Begoña Sanjurjo, manifestou que “o fin de curso é sempre unha festa importante e este ano máis. O alumnado amosa ás familias e ao público en xeral os avances nas distintas disciplinas e fainos partícipes da vida da escola. Vémonos no auditorio aplaudindo os nosos artistas”.

O responsable do centro valora de maneira moi positiva o curso 2023-2024 e considera que “é preciso seguir traballando tal e como o vimos facendo ata o de agora para manter e aumentar o nivel formativo e máis a calidade das actividades que organizamos”. O centro mantén o número de matrículas, con preto de 380 persoas inscritas, e o número de docentes, trece.
A dirección da EMMeD de Ribadeo xa traballa na preparación do curso 2024-2025 no que non haberá grandes cambios.

Antes de pechar o mes de xuño, a EMMeD de Ribadeo aínda realizará diversas actividades, como pode ser o programa Musiqueando polas parroquias, das que se dará cumprida información.