A EMMED de Ribadeo celebra o seu Festival de Nadal este sábado, 14 de decembro no Auditorio Municipal

Cartel Festival de Nadal EMMeD 2024

A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo celebra este sábado, 14 de decembro, ás 11:30 e ás 18:00 horas, no Auditorio Municipal Hernán Naval o seu tradicional festival de Nadal. Na sesión da mañá será o alumnado máis pequeno do centro o que participe. Xa na sesión da tarde serán as grandes agrupacións das diferentes especialidades instrumentais e de danza.

No repertorio deste ano non faltan as panxoliñas, pero tamén haberá cabida para outros ritmos como a música moderna ou a tradicional. “O de Nadal é, xunto con fin de curso, o festival que máis éxito ten tanto entre o alumnado coma entre o público de aí que cada ano procuremos ofrecer cousas novas tanto a nivel de repertorio coma de posta en escena”, explica Hugo García, o responsable da EMMeD de Ribadeo.

Pero, sen dúbida, o aspecto máis destacado do festival de Nadal, tal e como acontecera en cursos anteriores, é a súa vertente solidaria. Ao longo de toda a semana, desde hoxe, luns, e ata o propio sábado 14, a EMMeD de Ribadeo realizará unha recollida de produtos de Nadal (turróns, polvoróns, mazapáns…) para entregar ao departamento de Servizos Sociais do Concello co fin de que sexan distribuídos entre familias con escasos recursos do concello. Hugo García declara: “queremos agradecer de antemán, a toda a veciñanza que, na medida das súas posibilidades, fagan unha achega a esta recollida de alimentos, pois cun pouco de cada unha de nós axudaremos a moitas persoas”.

E engade: “unha das apostas da EMMeD de Ribadeo é achegar durante todo o curso ao alumnado valores que vaian máis aló do estritamente musical, de aí a inclusión no currículo académico do centro de aspectos como a solidariedade, a igualdade ou a loita contra a discriminación de calquera tipo”.

A concelleira de Educación e Cultura, Begoña Sanjurjo, anima a acudir ao festival de Nadal do vindeiro sábado “que sempre é un grande reclamo en Ribadeo. É o momento para despedir este treito do curso e para disfrutar da evolución do alumnado da EMMeD”. E fai tamén unha chamada á solidariedade: “aínda que a diario é tempo de compartir e de botar unha ollada ao que temos ao noso arredor, nestas datas é especialmente importante que todas as familias teñan nos seus fogares produtos típicos do Nadal para que todos pasemos estas festas do mellor xeito posible”.