Onte, no Salón de Plenos do Concello de Ribadeo, levouse a cabo unha xuntanza da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero. A sesión abordou diversos temas, destacando a presentación do novo Plan de Igualdade para Ribadeo

Está a avaliarse o plan anterior e leváronse a cabo entrevistas con asociacións, centros educativos e entidades representativas do Concello de Ribadeo. A fase de diagnose está a piques de concluír, e prevese que a elaboración do plan estea finalizada a principios do próximo ano, permitindo a implementación de medidas desde o inicio do 2024.

A Concelleira de Igualdade, Begoña Sanjurjo, tamén compartiu detalles sobre a programación enfocada na prevención e sensibilización contra a Violencia de Xénero prevista para este trimestre. Estas actividades  están dirixidas tanto aos centros de ensino como á poboación en xeral. Neste contexto, faise un chamado á colaboración dos diferentes axentes sociais presentes na mesa, instándoos a participar activamente nos distintos eventos e actividades programadas. Anímase aos representantes das entidades para facer propostas en nome dos organismos que representan.

Ademais, a edil ribadense engadiu, que as técnicas do Centro de Información á Muller (CIM) participaron a semana pasada nun Programa da Secretaria Xeral da Igualdade  destinado ao impulso das Mesas Locais de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero . Begoña Sanjurjo destaca a importancia crucial destas Mesas Locales como un recurso esencial na loita contra a violencia de xénero, subliñando como a coordinación entre diversas institucións é fundamental para abordar este grave problema de maneira eficaz e holística.