A Concellería de Cultura entrega aos centros de ensino lotes de libros que foron presentados este ano en Ribadeo co obxectivo de achegar ao alumnado a riqueza literaria e cultural deste municipio.
Para conmemorar o día das bibliotecas a Concellería de Cultura fai entrega de lotes de libros aos centros de ensino ribadenses. Neses lotes inclúense aqueles libros que foron presentados en Ribadeo durante este ano, de autoría ou temática local, coa intención de achegarlle ao alumnado de todos os niveis educativos parte da riqueza literaria e cultural ribadense.
A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, afirmou que “durante este ano publicáronse numerosos libros que destacan a importancia de figuras ribadenses de todos os ámbitos: tanto da música, como é o caso da publicación de Carlos Álvarez Lebredo, Historias con pentagramas, que se distribuíu gratuitamente na Biblioteca a todas as persoas interesadas, ou o libro Ecos de Saudade; como da ciencia, co libro Manuela Barreiro Pico. Ribadense destacada, escrito por María Isabel Fernández García e publicado pola Deputación Provincial de Lugo, que pon en valor a figura de Manuela Barreiro, primeira universitaria e primeira licenciada en Farmacia nunha universidade galega”.
Neste lote inclúese o libro bilingüe que conmemorou o centenario da morte do Viejo Pancho no que colaboraron o Concello de Ribadeo, a Xunta de Galicia e o goberno de Uruguai, país que acolleu ao poeta ribadense. Os destinatarios son os Colexio de Educación Primaria Gregorio Sanz, o Sagrado Corazón, o IES Dionisio Gamallo, o CIFP Porta da Auga, a Escola de Idiomas, a Escola Municipal de Música e Danza e CFEA Pedro Murias. A escola infantil tamén recibirá algún libro, pero doutras temáticas.