Álvarez Lastra desmentiu “total e rotundamente a existencia dalgún tipo de dispendio na área de Cultura. Hai que ter en conta que esta delegación por existir ten un presuposto e aos datos me remito. A Concellaría de Cultura para este 2011 contaba cun orzamento de programación cultural de 55.000 euros e a día de hoxe levamos gastado 45.000 euros, polo tanto temos aforrados 10.000 euros. Noutra partida, na de publicidade que conta con 6.000 euros, a día de hoxe temos aforrado 2.600 euros. Nego que exista ningún tipo de dispendio neste departamento”.

A edil nacionalista sinalou que “a organización e a programación de Cultura fáise de acordo a un presuposto sempre tendo en mente a situación económica e social que estamos a vivir para tentar aforrar e de feito temos aforrado a día de hoxe 12.600 euros”. E aludiu aos decretos mencionados polo concelleiro de UPRI, “neses decretos aparecen todo o que é a programación cultural, tamén aparecen subvencións que nos deron desde a Deputación e desde a Xunta de Galicia, tamén aparece o aluguer de carpas para o antroido, non son só destes dous últimos meses, senón que son da programación cultural que ven reflectida aquí”.

Mariluz Álvarez Lastra subliñou que “a programación cultural está feita con total humildade, rigurosidade e con extrema contención do gasto. É certo que aparecen comidas, pero quero matizar isto. Non son comidas para o concelleira, non son comidas da concelleira con técnicos, son comidas relacionadas coas actividades culturais que se fan, ven sexa un curso de verán, ven sexa algunha actuación musical que ven ou ven sexan froito das negociacións, dada a situación económica actual, que supoñen que moitos grupos viñeron sen cobrar nada tan só polo desprazamento e a comida”. A responsable de Cultura dixo que “neses decretos non se fala de 22.000 euros senón de 15.000 euros, e non solamente do período ao que alude o concelleiro de UPRI, xa que veñen facturas de períodos anteriores. E unha cousa máis das comidas, só faltaría que cando actúan os nenos da Escola de Música, que cando se desprazan a outros concellos ou fan intercambios, que nin siquera puideran levar un bocadillo ou un picnic con eles”.

A concelleira do BNG reiterou que “non existe dispendio, sí que existe aforro, sí que existe axuste, e o que non estamos a facer é a programación cultural na que nós pensamos e a que desexaríamos, pero temos que centrarnos no momento económico que estamos a vivir”. E indicou que este aforro “non ven só de agora, porque xa no ano 2010, tendo en conta o orzamento que tiñamos aforramos 30.000 euros en Cultura, e no 2009 fomos capaces de aforrar outros 35.000 euros”.

Lastra considera que UPRI “leva catro anos tentando difamar e poñer nun brete á concelleira de Cultura cos gastos deste departamento, pero non lles deu moi bó resultado e desde logo agardo que cambien de rumbo porque non vou ser eu quen cale, sobre todo cando nós fixemos a campaña electoral cun único obxectivo, dicíndolle á xente a verdade, que a situación non ía ser boa e polo tanto que iamos tentar ao longo destes catro anos manter os servizos básicos, por iso loitamos e por iso levamos a pleno un recorte abusivo do 70% en axuda a domicilio. Este grupo que defende os intereses de Ribadeo como fuxida política, non solamente non se apuntou ao carro de defender esta postura, senón que para desviar o tema lánzanse contra Cultura”.

A concelleira nacionalista parécelle “irresponsable pola súa parte tentar desviar a atención e sacando un titular de prensa co tema de Cultura. Que quede moi claro, que a dedicación desta concelleira e dos seus técnicos é total e plena a este departamento, estamos en todos os actos de Cultura, nos que boto en falta a este señor que fala, diríalle que para poder criticar se deixe ver por algunha destas actividades para poder valoralas e para ter coñecemento do que facemos. Ogallá veñan tempos mellores tanto a nivel social como cultural, e sexamos capaces de volver a facer a programación cultural que tanto eu coma os meus predecesores no cargo fomos capaces de facer e que Ribadeo sexa referente cultural tanto na Mariña como na provincia de Lugo como creo que nos merecemos tanto nós como todas as persoas que viven no noso concello”.