O pleno que onte celebrou a Corporación Municipal de Ribadeo aprobou o expediente de petición de Área de Rehabilitación Integral para Rinlo. Iníciase así un proceso que depende da Xunta, quen ten que facer a declaración oficial de Rinlo como zona ARI, feito que o alcalde agarda que suceda en pouco tempo. A partir de entón, Rinlo poderá ter acceso a axudas importantes por parte do Ministerio e da Consellaría de Vivenda.
Na sesión plenaria analizouse o convenio asinado entre o Ministerio de Fomento e o Concello para o financiamento do proxecto de mellora dos tramos urbanos da rede de estradas estatais no termo municipal de Ribadeo. Este convenio tamén contempla a transferencia de titularidade dos mesmos. Así segundo explica Fernando Suárez “a Demarcación de Estradas de Galicia lle cede ao Concello eses tramos e unha partida de máis dun millón de euros que teremos que investir entre os anos 2009 e 2010”.
Finalmente, a Corporación aprobou por unanimidade a adhesión ao proxecto de implantación dun núcleo de sustentabilidade en Ribadeo. O Concello insta agora á Consellaría de Medio Ambiente, para que outorgue estas axudas de municipio sostible.
Con este fin fíxose un proxecto que plantexa a colocación de paneis solares na piscina municipal de Ribadeo, así coma outras actividades de educación ambiental sobre todo para os máis pequenos. “Agardamos que Ribadeo poida ser un dos cinco concellos que aspiran a ser núcleo de sustentabilidade”, explica o rexedor ribadense.