O expediente de petición para declarar Rinlo Área de Rehabilitación Integrada foi o tema principal da Comisión de Urbanismo celebrado este mércores. Con esta concesión, lograríase outorgárselle a Rinlo un estatus xurídico-formal específico, que permitiría acollerse ás axudas previstas pola Xunta para as ARI. Así, segundo Fernando Suárez, esta acción iría destinada continuar coas melloras das fachadas acometidas en 2007.
De acordo coas palabras do propio alcalde, é preciso que “que se faga unha actuación integral que potencie os valores de Rinlo, dadas as súas características e o seu valor urbanístico, pintoresco e paisaxístico”.
Ribadeo e máis Rinlo constitúen os dous únicos núcleos urbanos do Concello, polo que se pretende igualar o tratamento de ambos os ascos históricos no tocante á rehabilitación. Para isto, hanse iniciar os trámites coa Consellaría e co Ministerio de Vivenda, a fin de que contribúan a financiar aspectos da restauración privada dos veciños que teñen os seus inmobles no casco tradicional de Rinlo. Estes trámites inclúen a redacción do proxecto, elaboración que terá que ser aprobada no próximo pleno ordinario do luns 14 de xullo.
Transferencia das estradas
Na Comisión de Urbanismo tamén se deu conta do convenio firmado co Ministerio de Fomento para o financiamento dun proxecto de mellora das estradas. O Concello de Ribadeo asume ademais por este convenio a titularidade dos tramos urbanos da rede de estradas do estado dentro do noso término municipal.
En concreto, veríanse afectados algo máis de 4 quilómetros e medio pertencentes ás nacionais 634,634a e 642a. Trátase de vías que, “co paso do tempo e o desenvolvemento económico quedaron absorbidas dentro do núcleo urbano da vila”, como sinalou o alcalde.
Segundo o acordo con Fomento, o Concello comprométese a ter redactado e aprobado nun prazo de seis meses o proxecto das obras de mellora a executar. O Ministerio de Fomento, pola súa banda, financiará con máis dun millón de euros a materialización dese proxecto entre os anos 2009 e 2010.