A concelleira de Igualdade, Mari Luz Álvarez Lastra, explicou que “este filme está realizado por Margarita Ledo, unha das directoras máis senlleiras do país e con dilatada experiencia. Esta proxección organízase desde a área de Igualdade porque a temática vai sobre as desigualdades e discriminacións ás que se someteron ás mulleres que emigraron”.

Mari Luz Álvarez engadiu que “é unha  longametraxe de ficción que retrata as vivencias das mulleres que emigraron solas á Arxentina nos anos 50. Mulleres que, en aras dun futuro mellor, entraban a traballar como costureiras, operarias de fábricas ou criadas. Pon en evidencia o ocultamento secular ao que foron sometidas as mulleres por razón de xénero e que continúa vixente nos nosos días. A degradación persoal, a discriminación social e cultural, a explotación laboral da que foron e son  obxecto toman forma nunha película que aborda a feminización da pobreza e supón unha aposta pola diferenza e a defensa dos dereitos humanos”.