A cantante tinerfeña Ana Guera ofrecerá este xoves, día 9, un concerto en Ribadeo.

O rexedor contou que “este xoves, día 9, recibiremos en Ribadeo a Ana Guerra, que nos deleitará coa súa voz no auditorio municipal Hernán Naval a partires das 20:30 horas”.  Vega explicou que “Ana Guerra chega da man de Cadena Dial, á que lle queremos dar as grazas polo seu traballo e pola súa colaboración co Concello de Ribadeo para facer posible este concerto, que será gratuíto. É unha aposta clara pola música en directo e pola cultura, en definitiva”.

O alcalde dixo que “todas aquelas persoas que desexen asistir a este concerto o único que teñen que facer é retirar os seus convites, en horario de mañá, na Casa del Viejo Pancho. O día da actuación as portas do auditorio abriranse ás oito da tarde aproximadamente”.

Dani Vega sinalou que “a tinerfeña Ana Guerra é unha cantante e compositora que se deu a coñecer pola súa participación en Operación Triunfo aló polo 2017. Ten publicados varios traballos e participou estes anos en diferentes musicais. Agora está a piques de sacar novo disco, que presentará en Ribadeo”.

E subliñou que “se trata dunha cantante de nivel máximo, que acollemos aquí en Ribadeo. Abrir as portas á música, á cultura creo que tamén é importante e Ribadeo vai apostar por este tipo de concertos próximos e gratuítos e que aposten pola música e pola cultura”.