A concelleira de Turismo, Ana Martínez, lembrou que “unha vez máis a praia de As Catedrais volve ser escenario para unha rodaxe. Neste caso como xa comentamos no mes de setembro que estiveron aquí  para ver un pouco o escenario in situ, trátase da BBC para o canal de Historia Natural”.

A edil nacionalista explicou que “hoxe é un luns no que a praia está a tope cunha das mellores mareas do ano e tamén cunhas condicións axeitadas para gravar esta dinámica dos océanos que formará parte dun documental no que de todos os continentes haberá algunha praia, algunha zona de costa, e concretamente a praia de As Catedrais, aquí en Ribadeo, estará formando parte deste programa que a BBC emitirá a nivel mundial”.

A responsable de Turismo comentou que “desde o Concello estamos aportándolles certa axuda no que é a loxística e estamos encantados de que tamén a praia non soamente forme parte de películas de ficción, senón que ademais amose esa realidade natural tan fermosa e tan importante que ten toda a costa de Ribadeo, e que se concreta e que culmina precisamente aquí na praia de As Catedrais con estas formas rochosas que a poñen como un punto importante na visita de milleiros de persoas durante todo o ano”.

Ana Martínez engadiu que “a rodaxe comeza hoxe aproveitando os horarios da marea e tamén tendo en conta un pouco que o tempo os acompañe, estarán durante toda a semana de luns a venres aquí en Ribadeo para gravar estas imaxes da praia”.