O rexedor referíuse ao informe da Axencia Europea do Medio Ambiente “no que dalgún xeito poñen un chisquiño en cuestión a calidade das augas da nosa ría de Ribadeo. As augas da ría e os deberes que temos que facer tanto Asturias como Galicia para telas en estado óptimo creo que pola parte galega estamos moi avanzados. Temos desde hai pouco máis un ano unha depuradora que está a tratar todos os residuos urbanos e de parte das parroquias, o porto comercial cumpre todos os criterios normativos de tratamento de residuos e o porto deportivo disfruta dunha bandeira azul, que contamos que este ano se volte a confirmar”.

Suárez Barcia considera que “os deberes da parte galega, tanto do Concello como da Xunta, están prácticamente cumpridos. Pero na parte asturiana falta un saneamento e estánse a producir verquidos á ría de Ribadeo de maneira inexorable. Eses son os seus deberes, que deberían tentar resolver canto antes para non ter que saír nestes informes periódicos da Axencia Europea de Medio Ambiente”.  O alcalde insistiu en que “pola parte de Ribadeo e pola parte galega en xeral o comportamento e a actitude que estamos a ter de cara ao saneamento e o tratamento das augas da ría de Ribadeo é impecable”.