O rexedor ribadense explicou que “no pleno ordinario de onte reinou un tono cordial entre tódolos grupos da corporación, foi un pleno moi participativo, onde se tomaron unha serie de acordos, penso que importantes e ademais contou con que tódolos grupos, incluso dentro do apartado de mocións, que presentaron as súas propias, uns cederon para que puideran ser aprobadas por unanimidade e dende o goberno tamén se aceptaron unha serie de suxerencias”.

Fernando Suárez sinalou que “ademais de explicar tódolos camiños que, a través do Plan Estratéxico de Infraestructuras de Medio Rural, vamos facer agora en pouco tempo coa colaboración importante da Consellería de Medio Rural, fixamos as festas locais para o ano 2010, que van ser o día de San Roque e o día da patrona, e tratamos as licencias de primeira ocupación ás que nos temos referido noutros momentos con tódalas garantías e as cuestións que os técnicos municipais nos advertiron para dar unha primeira ocupación parcial dun edificio daqueles nos que o construido non se axustaba á licencia concedida orixinariamente con todas as precaucións, garantías e os avais que tivo que depositar o constructor”.

Suárez afirmou que “foron unhas seis mocións as que se trataron, houbo algunhas que sumaron os votos do PSOE, do BNG, de UPRI, outras sumaron a unanimidade e logo houbo outro grupo que se pretende apuntar a tódolos bandos, un grupo moi singular que temos aquí no Concello de Ribadeo. Eu creo que debo destacar esta moción que se aprobou sobre a gratuidade dos libros de texto no ensino obrigatorio facendo unha chamada de atención á Consellería de Educación actual polo sistema que acaba de incorporar para este ano no que soamente van ter acceso á gratuidade unha parte moi pequena da poboación dado que os marxes de ingresos económicos que fixan son tan baixos que só prácticamente aquelas familias que estean, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística, no grao da pobreza poderán acceder a estas axudas. Nós entendemos que servizos públicos universais, como deben ser a sanidade ou a educación, son servizos onde non deben facer este tipo de restriccións económicas que o Partido Popular na Xunta está levando adiante”.

Fernando Suárez engadiu que “outra das mocións, que creo que é positiva, foi unha proposición de urxencia que fixo o PSOE, para estudar o sistema de aparcamento que temos implantado no que é o entorno da praza de abastos de Ribadeo, chegamos a unha transacción con tódolos grupos de que eu como alcalde, á vista de que leva prácticamente un ano funcionando e que hai algunhas cuestións que quizáis se poidan mellorar, se poidan correxir, quedei en convocalos dentro dun tempo cunha serie de propostas igual que quedamos en convocalos cando teñamos lista unha proposta máis consolidada do que é a ordenanza do cemiterio municipal de Ribadeo e Ove. Despois houbo unha serie de rogos e preguntas que, coma sempre, se foron contestando no mesmo momento”.