O evento foi presentado no salón de plenos do Concello. 68 equipos participarán na categoría de +35 e 8 na de +45.

torneo_veteranos_2024

68 equipos participarán na categoría de +35 e 8 na de +45. Desde a organización subliñan que “é a primeira vez que contamos coa presenza de equipos chegados desde catro continentes: Europa, África, Asia e América. Non hai ningún torneo destas características nin en España nin en Europa”.

Os clubs que se desprazarán ata Ribadeo proceden de Portugal, Inglaterra, Irlanda, Francia, Túnez, México, Paraguai, Brasil, Arxentina, India e de nove comunidades autónomas españolas: Galicia, Asturias, Cantabria, Castela-León, Madrid, Valencia, Extremadura, Andalucía e Canarias. O torneo vaise disputar en 10 campos de fútbol, todos eles de herba natural. Na Mariña será en Ribadeo e na Devesa, en Barreiros, en Lourenzá e en Mondoñedo. E no Occidente asturiano, en Tapia de Casariego, La Caridad, Coaña, Navia e Vegadeo.

Os organizadores estiman que entre todos os equipos desprazarán a Ribadeo a máis de 2.500 persoas, das que arredor de 1.600 son xogadores e o resto acompañantes.

No acto de presentación o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, declarou: “por parte do Concello apoiamos en todo o que podemos este importante evento deportivo e agradecemos moito o esforzo que fai a asociación de veteranos do Ribadeo FC. O Torneo encherá de xente a nosa vila a última fin de semana de maio así como outros concellos da zona porque van competir en diferentes instalacións de distintos municipios galegos e asturianos. Agardamos que lles guste moito Ribadeo e que se convertan nos mellores embaixadores posibles do noso concello”.

A presidenta de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado, manifestou: “desde Acisa Ribadeo estamos encantados de colaborar, un ano máis, con este torneo internacional Vila de Ribadeo, que organiza a Asociación de Veteranos do Ribadeo FC. Agardamos que os 76 equipos participantes e os seus acompañantes disfruten da súa estadía entre nós. É unha fin de semana moi importante pola dinamización económica que implica esta cita para os hoteis, bares e restaurantes e tamén o será para o comercio”.

Desde a asociación de veteranos do Ribadeo FC o seu presidente, Juan Rodríguez Peceux, subliñou que “desde a organización só nos queda agradecer a todos aqueles que fan posible que este torneo siga crecendo e que ano tras ano poida encher Ribadeo e os municipios limítrofes. Quero desexarlles a todos os participantes que se divirtan e que aproveiten para coñecer moito a zona na que van estar”.
O Torneo Internacional Vila de Ribadeo recadará fondos para Noa, unha nena madrileña de 14 anos que sofre a enfermidade de KPS dende o seu nacemento e que precisa de moitos e caros coidados. A organización destinará a este fin máis de 6.000 euros.

No acto de presentación participaron tamén o alcalde, Dani Vega, o xefe territorial de Deportes da Xunta, Manuel Otero; a concelleira de Turismo, Marta Saiz; o xerente de Acisa Ribadeo, Jesús Pérez; e o técnico municipal de Deportes, Iván López.