70 equipos participarán os días 15 e 16 de xuño, no XIX Torneo Alevín e Miniprebenxamín de Fútbol, que organiza a SD Ribadeo.

120624 torneo alevin ribadeo

Setenta equipos participarán a vindeira fin de semana, os días 15 e 16 de xuño, no XIX Torneo Alevín e Miniprebenxamín de Fútbol, que organiza a SD Ribadeo.

Os equipos chegarán a Ribadeo procedentes de Portugal, Cantabria, Asturias, Castela-León e Galicia. Serán arredor de 1.000 xogadores e uns 3.000 acompañantes os que gocen do torneo e tamén dos potenciais turísticos deste concello.
O presidente da SD Ribadeo, Valentín Coto, subliñou que “é o torneo máis numeroso dos tres que organizamos neste mes de xuño. Son 60 equipos alevíns e 10 minis os que veñen xogar esta fin de semana a Ribadeo”.

O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, referiuse á importancia da celebración destes eventos deportivos en Ribadeo: “son torneos que traen a milleiros de persoas á nosa vila durante as tres primeiras fins de semana de xuño, o que supón unha importante dinamización económica para Ribadeo”.

No acto de presentación participaron o presidente da SD Ribadeo, Valentín Coto; o deputado provincial de Mocidade, Dani García; o xefe territorial de Deportes da Xunta, Manuel Otero; a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez; o alcalde, Dani Vega; o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent; o técnico municipal de Deportes, Iván López; así coma os concelleiros na Corporación Municipal Pablo Vizoso e Marcos Villamil.