Unha mostra inaugurada hoxe na Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) percorre os 60 anos de historia da Coral Polifónica de Ribadeo, a través dun conxunto de imaxes, recortes de prensa e carteis, entre outros materiais. A exposición foi inaugurada polo concelleiro de Cultura de Ribadeo, Farruco Graña, o comisario da mesma, Diego Rodríguez, e a directora da Coral, Mari Carmen Rodríguez. Estará aberta ata o 10 de setembro.

O edil de Cultural felicitou á formación e recalcou o feito de que os seus 60 anos ofrecen unha perspectiva histórica dunha vila profundamente ligada á música: “quedei impresionado mirando as fotografías porque 60 anos xa dan perspectivas histórica e vital. De feito, mirando uns dos cadros, dixen: ‘que fai aquí Carmen?’ Pero non estaba pensando en Carmen Rodríguez, a directora, senón na súa filla.  É unha boa ocasión para ver estas fotografías de hai 40 ou 50 anos e ver como imos vendo reflectidos os nosos froitos, como imos vendo en nós mesmos aos nosos fillos e fillas. É o reflexo dunha actividade continuada que marca unha pegada, unha pegada de carácter musical nun Ribadeo sempre amante da música”.

Farruco Graña felicitou á Coral polo seu logro e tivo palabras de agradecemento para todos aqueles que ao longo dos anos estiveron vinculados á formación: “dende o Concello de Ribadeo, no nome de toda a Corporación Municipal, felicitamos a Carmen como directora, expoñente, proa visible desta Coral Polifónica e tamén a todas as persoas que ben son agora membros da Coral Polifónica ou o foron no seu momento. Temos tamén unha lembranza para todas aquelas persoas que xa non están connosco, pero que fixeron posible este proxecto musical”.

A recollida do material exposto na Omic é en boa medida froito do traballo de Gracia Martín Zapata, coralista e arquiveira do grupo: “o obxectivo que perseguimos é facer un breve percorrido por estes 60 anos da historia da Coral. Aínda que incluímos material dende o primeiro concerto inaugural, dende 1955, quixemos facer fincapé nos últimos dez anos, na historia máis recente, porque foi o material que non se recolleu noutras exposicións anteriores”, segundo explicou Diego Rodríguez, comisario da mostra.

Mari Carmen Rodríguez, directora da Coral Polifónica de Ribadeo, reivindicou o altruísmo e o bo facer que permitiron á formación celebrar o seu 60 aniversario e animou aos veciños a participar e integrarse na Coral para garantir o seu futuro: “todo o que hai aquí e os 60 anos da Coral son froito de máis de  250 persoas que ao longo destes 60 anos pertenceron a ela.  É un traballo arduo, pero sen xente altruísta que poña parte do seu tempo libre e do seu bo facer ningunha sociedade levaría o paso adiante nin podería contar con tantos anos”.