Barreiros recibiu hoxe o libro de recollida de sinaturas contra a violencia de xénero da man do Concello de Ribadeo, tralas 550 que se acadaron na vila. No acto, que se desenvolvou no salón de plenos da Casa do Concello ribadense, estiveron presentes o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, o rexedor de Barreiros, Alfonso Fuente e a concelleira de Muller ribadense, Mariluz Álvarez Lastra.

O alcalde barreirense, Alfonso Fuente, explicou que “esta iniciativa do Concello de Betanzos, que consiste nun libro que pasa de concello a concello para recoller firmas contra a violencia de xénero, pareceume dende o primeiro momento moi boa e é algo que non podíamos rexeitar. De feito nós sempre que celebramos sesión plenaria dende hai anos vimos gardando un minuto de silencio precisamente polas víctimas da violencia de xénero. É un acto que non imos cambiar”. Alfonso Fuente sinalou que “o libro estará na oficina de turismo de Barreiros ata o día 25 de agosto para que todos os que o desexen amosen a súa repulsa contra esta lacra social e logo ese mesmo día, ou o 26, pasaremos o testigo a outro concello da Mariña lucense”.

Pola súa banda, o goberno local de Ribadeo está moi satisfeito polas sinaturas recollidas e por ser o primeiro en acoller esta iniciativa promovida polo Concello de Betanzos.