A programación, organizada pola Concellaría de Igualdade e o Centro de Información ás Mulleres de Ribadeo, conta coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Igualdade e do Fondo Social Europeo e coa participación dos centros de ensino da vila, da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autonómos (Acisa), co Grupo de Teatro de Ribadeo e coa Escola Municipal de Música e Danza.

O vindeiro domingo, 16 de novembro, desenvolverase o Escaparate de xénero. O grupo de teatro Chévere levará aos escaparates de catro tendas: Tu & Tu, La Moda Sport, Anais e Petite Toe, catro sketchs “cos que pretendemos concienciar, facer reaccionar e facer partícipe á poboación a través de diferentes visualizacións relacionadas coa violencia de xénero”, explicou esta tarde Mariluz Álvarez Lastra, concelleira de Igualdade. Os horarios das representacións terán lugar entre as 12 e as 13:30 horas.

Xa o 20 de novembro ás 18:00 horas na sala Sonda Norte da Casa da Xuventude, Goreti Sanmartín, que é profesora da UDC, falará da Linguaxe non sexista, “unha conferencia aberta a todo o público en xeral, pero destinada sobre todo aos medios de comunicación, Concellos, xulgados, traballadores e traballadoras das diferentes administracións que se ven na obriga de redactar escritos ou que teñen que informar sobre a violencia de xénero”, seguiu a relatar a edil nacionalista.

O 25 de novembro haberá outra charla ás seis da tarde na Casa da Xuventude sobre Coeducación. Como combater o sexismo desde os centros educativos, que impartirá Branca Nazaré Guerreiro, orientadora do CPI López Suárez de Friol. Ademais ese día pola mañá no Cantón dos Moreno ás 12, se o tempo o permite, senón a actividade trasladaríase ao pavillón, arredor de 250 alumnos e alumnas dos CEIP Gregrorio Sanz e Sagrado Corazón, do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo Fierros e do CIFP Porta da Auga protagonizarán a performance FormandoNÓS contra o machismo. Álvarez Lastra explicou que “as rapazas e os rapaces se dispoñerán de maneira que tanto o slogan coma o logo que levarán nas súas camisetas queden representados pola súa figura no chan. Ademais cada centro lerá un manifesto, unha carta ou realizará a actuación que considere oportuna en relación coa loita contra a violencia de xénero”.

O Concello ribadense, ao igual que os de Mondoñedo e Viveiro, súmase á campaña que desenvolverá o Observatorio da Mariña pola Igualdade o vindeiro 29 de novembro. Ese día ás 17:30 horas na praza 8 de marzo haberá outra performance Non son cifras, son mulleres. “Este acto estará dedicado a todas as mulleres que faleceron vítimas da violencia de xénero durante este ano, que foi especialmente tráxico na Mariña. Nesta actividade participarán a Escola Municipal de Música e Danza e o Grupo de Teatro de Ribadeo. Para esta representación é necesaria a colaboración das mulleres, polo que calquera que estea interesada en participar pode anotarse poñéndose en contacto co teléfono do CIM: 982 120 739”. Esa tarde tamén se dará lectura a un manifesto. Mariluz Álvarez Lastra convida “á cidadanía a participar en todas estas actividades e agradece a colaboración de todas as asociacións, de todos os centros de ensino e da Mesa Institucional e todos os colectivos que se darán cita nesta programación”.