Desde a Mesa sinalan que “ante a aprobación dos próximos Orzamentos Xerais do Estado para 2017, as organizacións de mulleres convocan unha #AlertaFeminista para seguir denunciando que estes orzamentos reflicten un modelo económico baseado en actividades produtivas depredadoras do medio ambiente, que non atenden as necesidades sociais e que agravan os problemas de desigualdade entre homes e mulleres con consecuencias desastrosas para o medio ambiente, a economía, a sociedade e sobre todo para a vida das mulleres”.

Achégase o manifesto que se lerá este luns, 19 de xuño, ás 12.00 da mañá en moitos Concellos ao longo de todo o Estado. “Estamos totalmente de acordo e son demandas da Mesa desde hai anos que a falta de recursos económicos nos impiden avanzar en moitos campos no traballo contra a violencia machista e sobre todo no ámbito preventivo”, engaden.

MANIFESTO 19X Alerta Feminista

“No que vai de ano son  31 as mulleres asasinadas pola violencia machista que tamén levou por diante a vida de 4 criaturas. Quen hoxe estamos aquí presentes estamos fartas de contalas, de asistir a minutos de silencio e concentracións, de escoitar discursos de condena, de queixumes, de dó?

Consideramos que a violencia machista é unha cuestión de estado, que afecta á metade da poboación, e que ten unha causa estrutural que é a desigualdade entre mulleres e homes, en cuxa erradicación deben comprometerse todos os recursos que sexan necesarios, como se esixiu no  Pacto de Estado reclamado no 7N de 2015 nas rúas de Madrid.

Con todo, agora, nos Orzamentos Xerais do Estado de 2017 de próxima aprobación, comprobamos que a partida asignada a financiar  a loita contra a violencia machista ascende a pouco máis de 31 millóns de euros o que supón un 0,00011% do total do Orzamento.  Iso significa que se segue sen asignar nin un euro á prevención nos ámbitos educativo, sanitario e de medios de comunicación, que non se atende a violencia sexual como está previsto no Convenio de Istambul desde 2014. Implica que non se mellore a resposta policial e xudicial e non se cubra o custo dos servizos xurídicos, psicolóxicos e sociais nas Entidades locais estabelecidos na Lei de Igualdade. Significa que ese Pacto de Estado nacerá morto.

Por iso, convencidas de que pasou o tempo das palabras e é a hora dos feitos, facémonos presentes neste Concello cunha esixencia moi concreta ao Goberno do Estado: a consignación, para comezar, de 120  millóns de euros na partida destinada á loita contra a violencia machista.

Non admitimos rebaixas, nin máis dilacións. Entendemos que non é negociábel o prezo da  vida das mulleres. E por iso hoxe en moitos Concellos, está a darse lectura a este manifesto, como primeiro aviso da decisión tomada por quen non imos tolerar a inactividade, a indiferenza ou a incompetencia dos poderes públicos á hora de actuar con celeridade e eficacia para frear a violencia machista”.