Para o alcalde: “este centro ilustra o inicio do noso soño aló pola primavera de 2012, do soño colectivo de tanta xente que queríamos para Ribadeo unha nova residencia que unise tres principios inquebrantables e indiscutibles: que fose en Ribadeo, que fose preferentemente para a xente de aquí e que fose tamén a prezos asumibles para as súas situacións económicas. Houbo que facerse valer e vaia se nos fixemos valer. Loitamos incansablemente mulleres e homes de aquí e de aló. Algúns fixéronse os xordos e non axudaron nadiña e outros atenderon sempre as nosas xustas demandas e o soño volveuse realidade, tan realidade que agora é a vosa casa, o voso fogar. Hoxe ademais cumprindo o primeiro aniversario do inicio da actividade”.

Fernando Suárez pensa que “poucas cousas poden honrar máis a un representante dos veciños que ver á nosa xente maior feliz, feliz por continuar as súas vidas da maneira máis confortable posible e rodeada de profesionais que lles fan a súa vida máis agradable chegando a converterse en parte da súa familia. Tamén felices de ver aos seus familiares, aos seus fillos, ás súas fillas, aos seus netos e ás súas netas, que saben que teñen aos seus seres máis queridos aquí, ben pretiño deles, vivindo esta nova etapa das súas longas vidas e así que ha ser desde logo por moito tempo”.

O alcalde lembrou que “hai un ano abrimos as portas deste centro e demóstrase tamén con feitos que o experimento funciona, que a colaboración na xestión entre o Concello de Ribadeo e a Deputación de Lugo funciona e funciona moi ben. Polo tanto seguiremos apoiando, coidando e loitando con todas as ansias e con todos os esforzos para que todo isto siga sendo así”.

O rexedor engadiu: “sabemos que estes últimos tres meses foron moi duros para todos, especialmente para vos, que estivestes fisicamente distanciados de nós, pero en contacto permanente e coa moral intacta e con gañas de tirar para adiante e deixar atrás esta pandemia que nos quere amedrentar, pero que non vai poder. Estivestes nun dos mellores sitios onde puidestes ter estado, coa tranquilidade de que os vosos familiares sabían que estabades moi ben atendidos por este enorme equipo de profesionais. Hai un ano estaba por aquí xente que xa non está connosco, pero que non a esquecemos, como Paco, Pepe Rico, Nicasio, Evangelina, Mele, Sara, José Ángel, Pepe Insua, Pilar, José, Valeriano, Teo, Adela… en definitiva unha chea de xente que estivo que xa non está, pero tamén hai outra xente que hoxe en día estades conformando unha grande familia entre todos e todas, e quérolle mandar un especial saúdo a Josefa, Eliseo, Carlos, Tere, Ester, Balbina, Eli, Generoso, Eladio, Genoveva, Isabel, Antonio, Manuel, Carmen, Lola Molejón, Lola Losada, Isaura, Tota, Rosario, Inés Torviso, Inés Prieto, Gloria, Natalia, Lita, Celsa, Pedro, José Manuel, Cruz, Manuel Vidal e Rosa. Desde logo tamén para facervos a vida agradable tedes aos traballadores da residencia, a Ana, Nuria, Pacucha, Isabel, Maira, Anxos, María José, Aida, Rosa, Nuria, Mai, María Jesús, Adriane, David, Leticia, Lucía, Luis, Ana e Carmen. Que pasedes un moi feliz primeiro aniversario do funcionamento do centro de atención ás persoas maiores de Ribadeo e dentro duns días xa nos veremos persoalmente, será cando o coronavirus non nos dea tanto medo e poidamos estar xuntos de novo outra vez. Agora, mentres tanto, seguimos xuntos, pero coa distancia física de seguridade. Unha aperta e un bico a todos e a todas vos”.

A concelleira de Servizos Sociais, Mónica Freire, declarou que “tanto eu como as miñas antecesoras, como concelleiras, estamos moi contentas e moi orgullosas de poder celebrar con todos vos este primeiro ano de funcionamento do centro. Aínda que sexa así, a distancia e sen poder estar fisicamente con todos vos, queremos felicitarvos polo ben que o estades a facer, polo ben que o estades a levar todos, tanto residentes como traballadores e traballadoras. Desde a Área de Servizos Sociais do Concello seguimos traballando e seguimos intentando mellorar para que este centro siga sendo o que xa é, que é a vosa casa. Nos vindeiros días queremos rematar o pintado dos camiños para que poidades saír e a pista de petanca para que poidades desfrutar nestes días de verán. Tamén seguiremos colaborando nas numerosas actividades que se organizan ao longo de todo o ano como pode ser o magosto e o Nadal. Así que celebrade o día, pasádeo ben e oxalá poidamos seguir celebrando moitos anos todos xuntos”.