Concello de Ribadeo

Compartir:

Patrimonio


Núcleo antigo de Ribadeo

O núcleo histórico de Ribadeo abrangue unha superficie de máis de 40 hectáreas e sitúase no centro urbano da vila, en contacto coa costa e co porto.

As súas rúas, que se orientan en xeral cara ao nordeste e con pendente pronunciada, concentran gran parte dos edificios arquitectónicos que propiciaron a declaración deste espazo, en 2004, como Ben de Interese Cultural, coa categoría de conxunto histórico. Nelas atopamos casas populares de artesáns e mariñeiros xunto con outros edificios de maior rango que testemuñan o pasado florecente da vila (casas de indianos, casas de banca, vivendas de familias de armadores…).

Un dos espazos máis relevantes é o que constitúe o eixe definido polas rúas Vilafranca do Bierzo, San Roque e Clemente Martínez, ao longo do cal se aliñan importantes residencias burguesas de influenza indiana que datan de finais do século XIX e comezos do XX.

Entre os edificios e espazos máis singulares do núcleo vello ribadense hai que mencionar a Aduana vella (XVIII), o convento de Santa Clara (con claustro do XVIII), o castelo de San Damián (XVIII) a igrexa de Santa María do Campo (XIV-XVIII), o pazo de Ibáñez (XVIII), o Cargadoiro (XX) ou a Torre dos Moreno (XX).

A ampliación da vila antiga durante os séculos XVIII e XIX deu lugar ao desenvolvemento do Ribadeo moderno e fixo que xurdisen espazos de relevancia para a súa arquitectura e urbanismo, como é o caso da praza de España.

Lugar

Parroquia: Ribadeo (Santa María)

Voltar

Anterior Ampliar Seguinte


© 2008 Concello de Ribadeo