Concello de Ribadeo
Patrimonio
O esplendor económico de Ribadeo no pasado ou a proliferación de construcións indianas son algunhas das razóns que explican a riqueza do seu patrimonio cultural e a declaración do seu núcleo antigo como BIC en 2004. Aquí tes un pequeno resumo das súas manifestacións máis relevantes e a posibilidade de empregar un buscador para ampliar información.
Comezando polo patrimonio arqueolóxico, no municipio identificáronse oito localizacións relacionadas coa cultura castrexa (VI aC-IV dC), tanto na costa coma no interior, aínda que non foron ocupadas de maneira simultánea. Entre elas destaca o castro das Grobas, que está preto de Insua, na parroquia de Vilaselán. Moito máis antigo é o xacemento paleolítico de Louselas que é posiblemente o depósito máis antigo da cornixa cantábrica, posto que se lle estima unha antigüidade de 300.000 anos. Os útiles achados (máis de 200 por agora) son sobre todo bifaces, raspas e outras ferramentas elaboradas con cantos rodados da Ría.
Un dos vestixios máis importante dos achados nesta comarca é o diadema de Ribadeo, que se considera como un dos restos máis importantes da ourivería castrexa peninsular.
Cronoloxicamente, o edificio relixioso máis antigo dos conservados no concello de Ribadeo é a capela de Atalaia xa que, malia as alteracións das que foi obxecto por mor da súa reconstrución a comezos do século XX, data do século XII. Outros dos edificios emblemáticos do patrimonio relixioso ribadense son o santuario das Virtudes (Arante) e o convento de Santa Clara (Ribadeo). O primeiro, que pertence ao século XIV, conserva bastantes elementos medievais e un magnífico conxunto de pinturas murais que reflicten episodios da vida de María. O segundo, conserva como partes máis antigas a súa igrexa de nave única, do XV, e un fermoso claustro do XVIII.
Os pazos conforman o conxunto máis relevante e numeroso do patrimonio civil ribadense, a meirande parte deles concentrados na súa vila. Un dos máis antigos é o de Cedofeita, fundado por Lope García de Cedofeita entre finais do XV e comezos do XVI e rodeado por un recinto amurallado. Xa no século XVIII foi construído no centro da vila, a carón da antiga fortaleza medieval, o pazo de Ibáñez, hoxe sede da casa consistorial ribadense. Destaca tamén o de Quinta Longa, en Santalla de Vilausende.
Foi a comezos do século XX cando se ergueu o que hoxe é o edificio máis representativo de Ribadeo, construído en 1905 por dous irmáns emigrantes e bautizado como a Torre dos Moreno, por ser este o elemento que máis destaca da construción.
No eido do patrimonio militar o castelo de San Damián, construído a comezos do século XVII a poucos metros do miradoiro do Cargadoiro polo marqués de Cerralbo, é o mellor exemplo desta arquitectura no concello.