Concello de Ribadeo


Compartir:

ARI


A zona antiga da vila de Ribadeo foi declarada ARI por parte da Consellaría de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, un recoñecemento administrativo que permite o desenvolvemento de accións específicas encamiñadas á rehabilitación integral deste conxunto e financiadas con fondos públicos.

Para levar adiante este labor, en 2002 púxose en marcha a Oficina de Rehabilitación de Ribadeo e, desde entón, apreciase unha demanda crecente de persoas interesadas na rehabilitación das vivendas que integran este espazo.

Nesta oficina recóllense as diferentes solicitudes presentadas, coas que se conforma unha base de datos que contén lista de espera das vivendas que se pretenden rehabilitar. Está situada na Casa do Concello e nela traballa persoal técnico e administrativo especializado.

A zona ARI

A zona histórica da vila ribadense presenta algúns dos problemas que adoitan aparecer en moitas zonas destas mesmas características: degradación do parque inmobiliario e dos espacios públicos existentes, envellecemento da poboación, desocupación residencial... Todo isto ten conducido, en moitos casos, ao estado ruinoso no que se atopan algunhas vivendas.

En canto á actividade económica, dáse a circunstancia de que o núcleo urbano de Ribadeo funciona como un centro comercial, administrativo e de servizos que é, á súa vez, capital de comarca. É por iso que se fai necesaria unha actuación na zona histórica que consolide estas funcións, co fin de favorecer así a boa marcha da economía municipal.

En liñas xerais, a poboación que reside nesta zona presenta un grao de envellecemento alto e escasos recursos económicos, polo que se considera a rehabilitación como fundamental para atraer a poboación moza. O seu emprazamento central dentro do contexto urbano, onde se desenvolven as principais actividades, e a súa conexión coa zona portuaria, confírelle unhas grandes expectativas a esta zona.

Na zona antiga contabilízanse hoxe arredor de vinte edificios de aproveitamento público. Dos restantes, uns cen aproximadamente teñen destinado o seu andar baixo a actividades non residenciais (comerciais, hostaleiras, algunha industria artesanal....), todos eles concentrados practicamente nas rúas San Roque, San Francisco, Praza de España, Villafranca do Bierzo, Viejo Pancho e no comezo das rúas Reinante e Amando Pérez.

Subir

O noso obxectivo

A conxunción de todos estes factores fai que as políticas que se están levando a cabo na zona antiga non se limiten só á rehabilitación das vivendas, coa conseguinte mellora da calidade de vida dos habitantes da zona, senón que traten tamén de mellorar o entorno. Debe considerarse así a necesidade de equilibrar a recuperación do uso residencial e o fomento da actividade comercial, administrativa e de servizos para así revitalizar a área.

Nisto non podemos esquecer as obras de urbanización necesarias para completar a rehabilitación, consistentes na substitución de pavimentos, renovación das redes de abastecemento e saneamento, renovación e remate do alumeado, dotación de mobiliario urbano...

Subir

Programa de rehabilitación

Os traballos de rehabilitación das vivendas situadas na ARI de Ribadeo son subvencionables a través das axudas recollidas nos convenios que o Concello de Ribadeo asina coa Consellería de Vivenda e Solo e co Ministerio de Vivenda, nos que se sinala o financiamento deste tipo de obras.

E importante recordar que a día de hoxe non existe límite de ingresos a partir do cal non se poida recibir subvención.

As bases que rexen a subvención de Área de Rehabilitación (pdf, 656 kb) foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia número 74, do 1 de abril de 2008.

Para esta subvención a Oficina Municipal de Rehabilitación de Ribadeo encárgase da redacción de case todo tipo de proxectos, con algunha excepción, así como da tramitación administrativa.

As licencias municipais de obras destas rehabilitación están bonificadas.

A día de hoxe está en vigor o Plan Estatal de Vivenda 2005-2008, e o financiamento previsto está reflectido no R.D.801/2005 de 1 de xullo, polo que se aproba o Plan Estatal 2005-2008 para favorecer o acceso dos cidadáns á vivenda, e no Decreto 18/2006 do 26 de xaneiro polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no R.D. 801/2005, de 1 de xullo para o período 2005-2008.

Para ver algunhas das melloras realizadas en vivendas e espazos públicos de Ribadeo tralas obras de rehabilitación podes descargar esta mostra gráfica (pdf, 2,92 mb).

Subir

Outras axudas que se tramitan na Oficina

Os beneficiarios das actuacións de rehabilitación de vivendas e edificios poderán acceder a outras axudas públicas compatibles coas establecidas no programa descrito anteriormente, sen que en ningún caso o conxunto das distintas axudas poida superar o custo total das obras, así como os límites adicionais que sobre esta condición poidan establecer as administracións.

Este é o caso da subvención de conxunto histórico, que tamén se tramita na Oficina Municipal de Rehabilitación de Ribadeo, e que é compatible coa subvención de Área de Rehabilitación. Para acceder a ela, as vivendas deben estar incluídas na zona delimitada do conxunto histórico de Ribadeo, que coincide practicamente coa ARI.

A maiores destas axudas, na Oficina Municipal tamén se presta asesoramento sobre outro tipo de axudas financiadas directamente pola Xunta de Galicia e polo Ministerio de Vivenda, como son:
  • Tramitación de Cédula de Rehabilitación de Calidade
  • Tramitación de subvencións de Rural (rehabilitación, renovación, remate exterior de fachadas)
  • Tramitación de subvencións do Ministerio de Vivenda e actuacións protexidas en materia de rehabilitación, tanto para particulares como para comunidade de propietarios
  • Tramitación de subvención de infravivenda rural
As bases que rexen estas subvencións, así como os modelos de solicitude, están recollidas na web da Consellería de Vivenda e Solo. Os pasos administrativos necesarios para tramitalas lévanse a cabo na Oficina Municipal de Rehabilitación.

Subir

A posta en valor do centro histórico ribadense é un dos obxectivos da ARI (foto: Diego Casado)

A posta en valor do centro histórico ribadense é un dos obxectivos da ARI (foto: Diego Casado)

FAQ\'s


© 2008 Concello de Ribadeo