Concello de Ribadeo


Compartir:

Música


Aínda que é a Escola Municipal de Música e Danza a entidade que canaliza a maior parte da actividade musical ribadense, a creación desta non foi un feito illado. Insírese, pola contra, nunha tradición de gusto pola música que atopa neste concello outras formacións, eventos, equipamentos... que recolleron e reforzan o interese dos/as ribadenses por esta disciplina.

Escola Municipal de Música e Danza

A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo é un centro de educación musical de vangarda que ofrece aos/as estudantes un proxecto consolidado e en constante crecemento. Nesta escola o/a alumno/a ten a posibilidade de dar os seus primeiros pasos no mundo da música e da danza para logo facer carreira profesional noutros centros ou simplemente para dedicarse a este arte de xeito amateur. Trátase dunha escola aberta aos alumnos e alumnas, aos docentes, aos pais e nais e a toda a vila de Ribadeo.

O plano de estudos
A EMMeD de Ribadeo oferta un plano de estudos que se estrutura do seguinte xeito:
  • Especialidades instrumentais. Cada instrumento divide a súa programación en seis cursos académicos. Ao remate deste tempo estímase que os/as alumnos/as obtiveron un nivel musical suficiente para elixir entre continuar a súa formación nun conservatorio, mediante a correspondente proba de acceso ao Grao Medio, ou ben seguir a práctica musical amateur nas agrupacións da EMMeD.
  • Especialidade de ballet. Esta disciplina divide a súa programación en tres niveis: pre-danza (5 e 6 anos), danza (a partir de 6 anos) e ballet clásico (de 6 anos en adiante). Dentro destes dous grupos os alumnos e alumnas están divididos con relación ao seu nivel e idade.
  • Especialidade de iniciación á música. Está dividida en tres cursos de iniciación e un de preparatorio. Este último curso é a ponte que conecta o alumno ou alumna coa materia de linguaxe musical e coa elección da especialidade instrumental.
  • Linguaxe musical. Estrutúrase en seis niveis ao remate dos cales o alumno ou alumna debe ter o nivel suficiente, ben para realizar as probas que dan acceso ao Grao Medio nos conservatorios ou ben para seguir ampliando os seus coñecementos musicais a nivel amateur.

As nosas agrupacións
  • Orquestra Sinfónica Xuvenil e Banda Infantil. A través destas formacións dáselle a oportunidade aos alumnos e alumnas de formar parte dun grupo no que se recolle boa parte das especialidades instrumentais. As dúas orquestras inciden na formación básica para afrontar unha actuación en público así como na configuración da personalidade individual e social do/a alumno/a.
  • Coro. Nesta clase iníciase o espertar da sensibilidade auditivo-musical dos/as alumnos/as. Outro dos obxectivos é potenciar a convivencia, e a solidariedade entre os/as músicos.
  • Compañía de Danza e Ballet. Ten como obxectivo achegar o/a neno/a ao mundo da danza a través do coñecemento do seu propio corpo. Trabállanse cuestións como o equilibrio, a coordinación, a lateralidade, o ritmo a través da expresión corporal, entre outros. Alén do achegamento ao ballet clásico e da preparación física específica, os alumnos/as teñen tamén contacto con novos estilos como o jazz, o contemporáneo, etc, logrando diversas coreografías para aprender a combinar de xeito harmónico o corpo, a música e o espazo.
  • Aula de Música Moderna. O obxectivo fundamental desta aula é introducir o/a alumno/a nos distintos estilos da música moderna, dende o rock ao funk ou o reggae, entre outros. O traballo abordarase partindo de temas representativos de cada xénero, analizando as súas características definitorias e a continuación poñéndoas en práctica.
  • Big-Band. O que se pretende con esta formación é dar a coñecer aos alumnos e alumnas estilos musicais coma o jazz, o blues, o swing ou o latin-jazz, entre outros. Trátase dun dos poucos centros de ensino musical nos que se poden traballar materias deste xénero.
  • Grupo de percusión, de guitarras, de saxofóns, de clarinetes e de frautas. Nestas agrupacións trátase de facilitar a formación musical coa práctica instrumental en grupo, así como o achegamento ás diversas posibilidades que agocha o repertorio do instrumento.
  • Subir

    Ciclo Músicas Posíbeis

    O Concello de Ribadeo organiza este ciclo coa intención de amosarlle ao público traballos de calidade que están lonxe dos circuítos comerciais, dando entrada a xéneros musicais moi diferentes (jazz, clásico, blues, rock, hip-hop , folk, fusión...).

    Subir

    Festival Internacional de Música Clásica de Ribadeo

    O Festival Internacional de Música Clásica de Ribadeo acolle, desde o verán de 2006, e baixo a dirección de Leopoldo Erice, este prestixioso festival de música clásica. A el acoden artistas nacionais e internacionais de gran calidade.

    Subir

    Rede Galega de Locais de Ensaio

    O Concello de Ribadeo está integrado na Rede Galega de Locais de Ensaio que promove a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar a través da Dirección Xeral de Xuventude. Dispoñemos así, na Antiga Escola das Anzas, dun local de usos múltiples e dúas salas de ensaio pensadas para darlle resposta ás inquedanzas musicais da xuventude ribadense, fomentando e potenciando a creación e a formación de novos grupos. Para máis información do local e dos grupos podes visitar a web do local de Ribadeo en www.nsaio.org.

    Subir

    Actuación do Trio Narciso Yepes no Festival Internacional de Música Clásica

    Actuación do Trio Narciso Yepes no Festival Internacional de Música Clásica

    Actuación dos ribadenses Beetle Judge (foto: Mariano Pérez)

    Actuación dos ribadenses Beetle Judge (foto: Mariano Pérez)

    FAQ's


    © 2008 Concello de Ribadeo