Concello de Ribadeo


Compartir:

Rutas


Os camiños de Ribadeo descúbrenlle aos/ás visitantes moreas de lugares fermosos. Con estas rutas que che ofrecemos ti tamén podes achegarte a inspeccionar, tanto a pé como en bicicleta, os recunchos máis atractivos do noso litoral, do noso interior ou da zona histórica da nosa vila.

Ruta das praias

Como o seu nome indica, esta ruta segue a liña do litoral ribadense e permite coñecer de preto a sucesión de entrantes, saíntes, praias recollidas e enseadas rochosas que o identifica e que o converteu nun espazo natural protexido e catalogado como Rede Natura.

A ruta parte de Rinlo, un pobo que segundo contan os máis vellos do lugar ten a súa orixe nun porto baleeiro de máis de 500 anos de historia. Hoxe, é un pequeno e pintoresco porto pesqueiro coñecido popularmente como o lugar onde se crían os mellores percebes, lagostas, lumbrigantes e centolas de toda a costa Cantábrica. A riqueza destas capturas vén favorecida pola forza coa que peta o mar contra as súas penas, onde se forman numerosas covas.

Desde Rinlo o camiño continúa cara a praia dos Xuncos, un pequeno areal de aspecto rochoso e con cantís abruptos desde onde se segue cara á praia dos Castros, que, xunto coa das Catredrais, é unha das máis emblemáticas de Ribadeo, e cara á das Illas, que coa marea baixa se une á dos Castros deixando ao descuberto un paseo pola area entre pozas, rochas e cantís.

Seguindo a sinalización que hai no lugar atópase a continuación a praia de Esteiro, unha das máis singulares do concello pola forma da súa enseada, que se ensancha cara ao mar. Por último, chégase á praia de Augasantas, popularmente coñecida como a das Catedrais, un espazo único e de extraordinaria beleza. É necesario ter en conta que debe visitarse coa marea baixa, xa que ao subir o nivel do mar queda totalmente cuberta pola auga.

Ruta dos miradoiros

Seguindo o traxecto sinalado nesta ruta poden visitarse algúns dos espazos máis emblemáticos de Ribadeo, pasear polas rúas do seu centro histórico e gozar de paisaxes de extraordinaria beleza, tanto na ría como na costa. Ten unha lonxitude de 11,5 quilómetros que poden percorrese a pé, en coche ou en bicicleta, xa que está pavimentada na súa totalidade. Ademais disto, non posúe moita dificultade polo que é accesible para todas as idades.

O punto de partida desta ruta é a praza de España, detrás da Torre dos Moreno, continúa cara á rúa Trinidade e desde alí segue con dirección á Obispo Veres. Hai que tomar á man dereita, onde se atopa o miradoiro da Atalaia e a capela do mesmo nome, a máis antiga de Ribadeo e situada no baluarte da Atalaia, porta da cerca ou muralla que protexía a vila na época medieval.

Regresando pola mesma rúa baixase polas antigas escaleiras de Martínez para situarse na rúa Antonio Otero. Alternativamente, e sen tomar esas escaleiras, tamén se pode optar por descender pola rúa Amando Pérez en dirección á ría, seguir o paseo marítimo cara á esquerda polo porto deportivo de Porcillán e subir pola rúa Calvo Sotelo, que conduce directamente ao paseo do Faro.

Cun ascenso pouco pronunciado chégase á rúa Viejo Pancho, desde onde é posible entrar na primeira calexa á man dereita ata acadar a rúa San Miguel. Séguese despois con dirección ao Cuartel Vello para desembocar na Rúa Calvo Sotelo. Cruzándoa, o/a visitante atópase no paseo do Faro, que se percorre seguindo o bordo da Ría de Ribadeo para gozar dos seus tres miradoiros: a capela de San Miguel, que concede unha excelente vista sobre o porto deportivo; O Cargadoiro, antiga zona de carga de mineral de ferro e a illa Pancha, onde se sitúan os faros antigo e moderno de Ribadeo.

Unha vez acadada a illa Pancha, retornamos polo mesmo paseo do Faro en dirección Calvo Sotelo, para, ao final desta, tomar á dereita a rúa San Roque e así poder observar os fermosos edificios burgueses inspirados na arquitectura indiana de principios do século XX.

Pasada a capela da Virxe do Camiño, a uns 100 metros comeza a sinalización do miradoiro de Santa Cruz, que se atopa a 2.5 quilómetros de distancia cara ao interior do municipio e á que se chega logo dun ascenso non demasiado pronunciado. Pódese apreciar no camiño, e desde este miradoiro, unha excelente panorámica do conxunto da ría de Ribadeo.
rutas
Mirador de Santa Cruz (foto: Mariano Pérez)

Mirador de Santa Cruz (foto: Mariano Pérez)

Praia dos Castros

Praia dos Castros

Documentación




© 2008 Concello de Ribadeo