Concello de Ribadeo


Compartir:

Arte e cultura


A oferta cultural de Ribadeo está composta de moi diversas actividades: artes escénicas, música, artes plásticas e ata actividades para os máis pequenos. Así, a axenda que de xeito trimestral programa o Concello, inclúe obras de teatro, monicreques e recentemente tamén danza. Estas actividades son un prato fixo no menú diverso e de calidade que pretende ofrecer Ribadeo.

Tamén a música xoga un papel importante nesta programación, coa Banda Municipal de Música de Ribadeo e máis a Coral Polifónica á fronte. Ademais, o ciclo Músicas Posíbeis achega aos nosos escenarios as músicas de menor difusión, como pode ser o hip hop, o jazz, o blues ou a fusión.

Ao abeiro da Escola Municipal de Música e Danza, e grazas á inclusión do noso na Rede de Locais de Ensaio para a Xuventude promovida pola Consellaría de Vicepresidencia, Ribadeo conta tamén con até dez formacións musicais. Actualmente, hai unha programación estable de ensaio nacida en dúas asociacións de veciños: o coro de Rinlo e o grupo de pandereteiras das Anzas.

Para dar cabida a todas estas actividades, o auditorio Hernán Naval, con 330 localidades, conta con programación case semanal. No verán, ademais, estas actividades saen moitas veces do auditorio e espállanse na vila por rúas, prazas ou van parar ao auditorio de Cabanela, xunto ao porto, mais tamén por igrexas parroquiais e escolas rurais.

E é que para a Concellaría de Cultura é fundamental que as actividades cheguen a cada recuncho do municipio. Así naceu o ciclo Máis preto de ti que leva teatro, contacontos, cine e música a todas as parroquias.

Outro dos principais intereses da Concellaría é crear o hábito de acudir a actividades culturais nos máis pequenos, xa que debe educarse na cultura desde idades temperás. Por iso hai unha oferta especial adicada aos máis pequenos. É a que se inscribe no ciclo A función dos pícaros, que abrangue espectáculos tanto en horario lectivo como en fin de semana ou períodos de vacacións.

En canto ás artes plásticas, Ribadeo busca ofrecer unha programación de calidade centrada no espazo privilexiado que é o Forte de San Damián, para o cal o concello organiza mostras de xeito regular (en principio non está suxeito a peticións particulares. Radicado nun espazo de grande beleza paisaxística, e lugar de paso de dos paseantes que se dirixen á illa Pancha, é desde hai dous anos o escenario de Mariñarte, unha cita que pretende amosar a arte da Mariña ao público en xeral, e principalmente aos escolares. Tamén durante todo o verán se recollen exposicións continuas na Oficina de Información Turística de Ribadeo.
A Oficina de Información Turística acolle exposicións durante todo o verán

A Oficina de Información Turística acolle exposicións durante todo o verán

Local de ensaio das Anzas

Local de ensaio das Anzas

Festival de habaneras e música hispanoamericana 'Ría de Ribadeo'

Festival de habaneras e música hispanoamericana 'Ría de Ribadeo'




© 2008 Concello de Ribadeo