Concello de Ribadeo

Compartir:

Os nosos nomes


Ribadeo foi berce ou residencia temporal de numerosos homes e mulleres que coas súas achegas, en moitos casos forxadas na emigración, contribuíron a enriquecer a cultura e a identidade locais e, por ende, a de todo o país. Presentámosche aquí a algúns deles:

José María Alonso Trelles y Jarén, 'El viejo Pancho'

'El viejo Pancho' é o pseudónimo do escritor José María Alonso Trelles y Jarén, nado en Ribadeo o 7 de maio de 1857.

Emigrou a Arxentina e Uruguai, onde exerceu o xornalismo e entrou en contacto coa cultura gaucha, desenvolvendo unha obra literaria de carácter maioritariamente poética que soubo reflectir o sentir da terra que o acolleu, ata o punto de chegar a converterse nun dos escritores máis grandes das letras uruguaias e o poeta que mellor representou a vida rural dese país. Faleceu en Montevideo o 28 de xullo de 1924 e, na súa autoría, figuran obras como Paja Brava, Juan el Loco ou Guacha, drama publicado en 1913.

No ano 1957 o Estado uruguaio, ao cumprirse o centenario do seu nacemento, regaloulle a Ribadeo un busto do poeta que é obra do escultor Sanmartín e que está situado nos xardíns da Praza de España. Anos antes fora colocada tamén unha placa sobre a fachada da casa na que naceu. A rúa na que se atopa esta leva desde entón o nome de 'El viejo Pancho'.

Subir

Dionisio Gamallo Fierros

Escritor e polígrafo nado en Ribadeo en 1914, Dionisio Gamallo Fierros realizou os seus primeiros estudos en Ribadeo, que logo continuou en Lugo para, máis tarde, licenciarse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. No ano 1936 comezou tamén a estudar a de Filosofía e Letras, licenciándose en 1941 pola Universidade de Valladolid.

Dous anos máis tarde empezou a colaborar na prensa diaria e nas revistas madrileñas Ya, Arriba, Informacións, El Español ou La Estafeta Literaria, entre outras publicacións. A partir de 1945 ocupou varios cargos docentes, como o de profesor axudante de Xeografía e Historia na USC; de Literatura Española no instituto madrileño Ramiro de Maeztu e en varios cursos de verán; mestre no Instituto Laboral de Ribadeo, do que tamén foi director; na Escuela Oficial de Periodismo de Madrid, etc...

No ano 1945 foi nomeado académico de la Real Academia Galega e, entre 1953 e 1955 traballou como asesor do servizo de información bibliográfica da Biblioteca Nacional. Ademais, foi vogal da directiva do Centro Galego de Madrid, secretario da Comisión de Cultura e membro do Instituto de Estudos Asturianos e da Real Academia Española. Faleceu en Madrid no ano 2000.

Subir

Ramón González

Ramón González pasou a súa infancia e xuventude na súa vila natal, Ribadeo, para establecerse ao pouco en Arxentina, onde traballou como comerciante en Rosario de Santa Fe. A comezos do século XX regresou enriquecido ao seu pobo e promoveu a apertura de varias sucursais do Banco Español de Río de Prata en Vigo e Santiago, establecendo daquela a súa residencia definitiva no Porriño. Neste concello pontevedrés financiou obras como o templo parroquial inaugurado en 1913 ou a Casa do Concello, do famoso arquitecto Antonio Palacios.

Para a súa vila natal doou tamén importantes cantidades económicas, colaborando no desenvolvemento social e cultural de Ribadeo, e fíxose membro da sociedade La Concordia (que presidiu en 1910) e do Ateneo de Ribadeo, para o que subvencionou clases e mercou instrumentos. Financiou así mesmo a construción da actual praza de abastos.

Ramón González foi nomeado "fillo predilecto" de Ribadeo e todo o pobo lle ofreceu unha gran homenaxe en 1922, en colaboración co Ateneo e La Concordia.

Subir

Pedro María e Juan Moreno Ulloa, 'os irmáns Moreno'

Os irmáns Pedro María e Juan Moreno Ulloa foron os promotores económicos do edificio máis emblemático de Ribadeo, a Torre dos Moreno
Nados no barrio dos Garitos (Ove) foron bautizados o 9 de xuño de 1840 e o 7 de marzo de 1845, respectivamente, por Bernardo Miranda y Trelles. O seu deceso foi, respectivamente en 1921 e 1928.

Juan Moreno achegou 150.000 pesetas para a construcción do instituto ribadense. Asemade, xuntos doaron terreos para o cemiterio municipal, fixeron construír a capela e o peche do mesmo. Foron nomeados 'fillos predilectos' de Ribadeo.

Subir

Pedro Murias Rodríguez

Nado en 1840 en San Xián dos Carballos, na parroquia da Devesa, Murias Rodríguez, de orixe labrega, emigrou a Cuba en 1856. Alí, iniciouse nunha aprendizaxe que o levou a entrar en contacto co mundo do tabaco, adquirindo así coñecemento do oficio de torcedor. A súa ascensión no mundo tabaqueiro foi moi meritoria debido, sobre todo, á súa capacidade de traballo e superación persoal.

A comezos da década de 1870 adquiriu a súa primeira fábrica, creando despois outras marcas, empresas, factorías... entre as que destacaron 'La Devesa' (unha clara homenaxe ao seu pobo) e 'Flor de Pedro Murias'.

Unha das súas maiores inquedanzas foi sempre a educación da xente máis nova, motivo polo que deixou no seu testamento unha cantidade de 3 millóns de pesetas para a construcción da Granxa Escola de Vilaframil, que hoxe leva o seu nome.

Subir

Antonio Raimundo Ibáñez-Gastón, marqués de Sargadelos

Nado en Ferreirela, na aldea asturiana de Santa Eulalia de Oscos, o 17 de outubro de 1749, Antonio Raimundo Ibáñez-Gastón foi fillo dun escribano de número que gozaba dunha boa posición económica, o que lle permitiu esmerarse na educación do seu fillo. Co fin de que practicase o comercio e completase os seus estudos trasladouse a Ridadeo, centro das principais actividades da comarca. Alí empezou a traballar na Casa de Guimarán e, con 25 anos, era xa o mordomo desta casa.

Traballando nela fixo unha viaxe a Cádiz na que, segundo se conta, tivo orixe a súa fortuna persoal. Ibáñez trasladárase ata alí co encargo de vender unhas fincas que tiña alá o señor da casa de Guimarán. Cos cartos da venta adquiriu unha partida de aceite que trouxo por mar ata Ribadeo e que, ao non querer facerse cargo dela o seu xefe, puido vender pola súa conta. As ganancias que obtivo permitíronlle independizarse e comezar a súa andadura como empresario de éxito.

Desde a década dos anos setenta Ibáñez xa se dedicaba ao comercio, ademais de comezar a vincularse á política municipal e ser elixido deputado do común en 1774. A súa principal actividade neste momento é o comercio da augardente, chegando a ser acusado de contrabando deste producto en 1783. Con todo, esta acusación non lle produciu prexuízo algún, pois os negocios marchábanlle cada vez mellor e comezara co comercio do liño e do millo. Co fin de transportar o millo, e en sociedade con dous veciños de Carril (Vilagarcía de Arousa), construíu en 1788 un barco de 130 toneladas que supuxo a orixe da Real Compañía Marítima. Pouco despois aparece como director de la Villa y puerto de Ribadeo e pídelle ao rei , en 1791, autorización para planificar unha fábrica de ferro en Mondoñedo. Esta autorización non lle foi concedida xa que se lle acababa de conceder en xaneiro do mesmo ano unha licenza para establecer na parroquia de Santiago de Sargadelos unha ferrería e unha fábrica de potas cuxo proxecto iniciou en 1788, creando un complexo industrial que puxo en funcionamento a primeira siderurxia integral de España a finais do século XVIII. Logo de descubrir e identificar, a comezos do século XIX, uns depósitos de caolín no mesmo complexo púxose en marcha unha fábrica de vaixela que, entre outras innovacións, introducía o decorado mecánico das vaixelas estampadas, o que foi o xerme da actual cerámica de Sargadelos.

Ningún novo negocio fixo que Raimundo Ibáñez abandonase os anteriores e en todos interviña persoalmente, quedándolle aínda enerxías para intervir na política municipal, buscando, como home ilustrado que era, o mellor par ao seu pobo. En 1809, en plena efervescencia bélica da Guerra da Independencia, Ibáñez foi asasinado nas rúas de Ribadeo por una turba manexada por un grupo de veciños envexosos, pola curia de Mondoñedo e polos intereses industriais de outras nacións. A pesar de todo, os seus inimigos non lograron destruír a súa obra que, pasando por diferentes etapas, sobreviviu ata 1875, data en la que se consumou ou peche.

Ibáñez chegou a converterse nun poderoso empresario ao que o pobo e os historiadores fixeron Marqués de Sargadelos.

Subir

Jesús Rodríguez Murias

Jesús Rodríguez Murias, natural de Rinlo, foi un dos moitos ribadenses que fixo fortuna na emigración americana. Falecido en 1909, legou tanto á súa parroquia como á capital municipal un importante caudal que empregou en obras culturais e benéficas, entre elas a construcción da traída de auga potable a Ribadeo e a escola de Rinlo.

Subir

Gregorio Sanz

Gregorio Sanz nace en Ayllón (Segovia) en 1900, no seo dunha familia humilde. Na escola nacional do seu pobo fai os estudos primarios, e despois, por libre, a carreira de Maxisterio. O seu primeiro traballo lévao a Madrid, á casa-escola Concepción Arenal de Protectorado del Niño e, posteriormente, á Granxa Escola Pedro Murias de Ribadeo. No ano 1928 aprobou as oposicións a Maxisterio, pasando a exercer en San Pedro de Benquerencia, onde fixo un ensaio de Escola Nova. En 1932 pasou ao nivel preparatorio do Instituto de Ribadeo, vila na que fundaría a Biblioteca Popular Circulante e na que deu conferencias, intervindo tamén en actos diversos de tipo cultural e en defensa da escola pública.

O 24 de xullo de 1936 foi encarcerado, recuperando a liberdade o 12 de marzo de 1941. O feito de que fose inhabilitado para o exercicio público fixo que tivese que dedicarse ao ensino privado ata o seu reingreso no 1959. Un ano despois opositou para poboacións de máis de 10.000 habitantes, pasando a exercer en Vigo ata a súa xubilación en xaneiro de 1970. Despois, retirouse a Ribadeo, onde viviu ata o seu falecemento.

O seu libro Uno de tantos, de subtítulo 'Cinco años a la sombra' é un documento autobiográfico do seu período de cárcere que dá unha idea diferente da vida no período posterior á Guerra Civil. Asemade, parece ser a orixe da obra 'A lingua das bolboretas', de Manolo Rivas.

Aínda en vida, deu nome ó CEIP de Ribadeo.

Subir

Guillermo Schulz

Enxeñeiro de minas de orixe alemana, Guillermo Schul, foi un dos representantes máis destacados da xeoloxía e da minería españolas do século XIX. Naceu en Dörnberg o 6 de marzo de 1805, chegou a España en 1826 e morreu en Aranjuez o 1 de agosto de 1877.

Comisario de Minas ao servizo do goberno español en 1830, en 1833 foi nomeado inspector de distrito en Galiza e Asturias, afincándose en Ribadeo para realizar unha inxente labor científica e de prospección mineira. En 1844, como inspector xeral destinado en Asturias, combinou o seu labor anterior con estudos para portos e novas redes viarias, ademais de promover reformas lexislativas en canto á ordenación mineira e maila creación dunha Escola de Capataces de Minas en Mieres. A raíña Isabel II concedeulle en 1849 a Cruz de Comendador de Número da Orde de Carlos III. Entre 1854 e 1857 foi director da Escola Especial de Enxeñeiros de Minas de Madrid, e presidente da Comisión encargada de formar o Mapa Xeolóxico de Madrid y o xeneral do Reino. A partir de 1857 e ata a súa xubilación ocupou en paralelo os cargos de Vicepresidente da Xunta Superior Facultativa de Minaría e vogal do Consello de Instrucción Pública.

Da súa obra científico-mineira cabe destacar Descripción geognóstica del Reino de Galicia (1835), a serie Informes y reseñas sobre las minas de carbón de Asturias (1844-1845), Reflexiones sobre el proyecto de una nueva Ley Orgánica sobre el ramo de Minas (1856) e Descripción geológica de la provincia de Oviedo (1858).

Subir

Laureano Veres Acebedo, o 'Bispo Veres'

Ilustre relixioso xesuíta e escritor, Laureano Veres Acevedo, naceu o 4 de xullo de 1844 e estudou teoloxía en Mondoñedo e Vitoria e xurisprudencia en Santiago de Compostela.

Emigrou despois a Bos Aires con motivo da revolución do 68 e, naquela cidade, foi profesor do Colexio Nacional e inspector de escolas. Alí, fundaría o primeiro xornal católico de Arxentina, titulado La América del Sur. En 1882 ingresou na Compañía de Xesús e, destinado en México, fundou nesta república varias congregacións e xornais.

En 1908 foi nomeado bispo de Nissa e faleceu en Málaga en 1920.

Subir

As Meniñas de Saudade

As Meniñas de Saudade nace en 1960, baixo o mecenado de Carlos Súarez Couto, como a primeira banda de gaitas galega formada exclusivamente por mulleres, e probablemente tamén de todo o Estado e mesmo do mundo.

Nun principio As Meniñas de Saudade foron sete: Teresa Amor Simón, Mª Dolores Ponte Forés, Elena Fernández, Mª Carmen Carnota López, Concepción Redondo Lastra, María Cubero Loredo e Teresa Rodríguez Ruíz e a súa compositora era Amadora Suárez Couto. Armando Suárez Couto retratounas nun cadro que serviu para financiar o monumento ao Gaiteiro erixido en Santa Cruz en 1965.

A indumentaria coa que vestían era típica do Ribadeo do século XVIII e para a confección dos seus traxes documentáranse na Real Academia Galega, no Ballet Galego da Coruña e en cadros do pintor Dionisio Fierros Álvarez. Matilde García de Paredes fora a encargada de dirixir as confeccións.

Coa súa música, as Meniñas de Saudade inauguraron o ferrocarril da Costa e o primeiro barco de Pescanova en Vigo, filmáronas en Betanzos para o filme Así es Galicia (1964) de Santos Núñez, e aparecen tamén no documental Galicia Insólita en imaxes do NO-DO. Estiveron no Gran Teatro de Lisboa e na televisión portuguesa e percorreron Galicia e Asturias. En 1997, a raíz da súa aparición na Televisión de Galicia, desfilaron por última vez polas rúas ribadenses na Cabalgata de Reis.

Subir

Dionisio Gamallo Fierros

Dionisio Gamallo Fierros

Antonio Raimundo Ibáñez-Gastón, marqués de Sargadelos

Antonio Raimundo Ibáñez-Gastón, marqués de Sargadelos

As Meniñas de Saudade

As Meniñas de Saudade


© 2008 Concello de Ribadeo