Concello de Ribadeo


Compartir:

Patrimonio


Humidal Protexido: Ría de Ribadeo

O decreto 110/2004 do 27 de maio, no que se regulan os espazos naturais clasificados como Zonas Húmidas Protexidas para a Rede Natura 2000 en Galicia cataloga unha área de 563 hectáreas da Ría de Ribadeo como unha das cinco zonas húmidas protexidas das que existen actualmente en Galicia.

Á súa vez este espazo forma parte, desde 1994, do lugar Ramsar Ría de
Ribadeo, que ocupa unha superficie de 1.192,2 hectáreas distribuídas polos termos municipais de Ribadeo, Vegadeo e Castropol (estes dous últimos en Asturias).

A ría de Ribadeo é un estuario formado na desembocadura do río Eo, aínda que tamén verten nela as súas augas outros cursos de menor entidade (río Grande, río Pequeno…). Predominan nel os hábitats intermareais de lodo e area, e os herbais halófilos ou subhalófilos. A súa parte máis abrigada proporciona acubillo a poboacións hibernantes de aves acuáticas e limícolas, constituíndo tamén un espazo ideal para diversas especies de flora de interese internacional.

Destaca pola súa diversidade de hábitats costeiros en bo estado de conservación, representados por diversas formacións vexetais (vexetación de marisma, chairas lamacentas intermareais, acantilados e matogueiras costeiras) e por constituír un lugar representativo para a rexión bioxeográfica atlántica de herbais salinos de Juncus maritimus e matogueiras salinas termoatlánticas.

Voltar

Anterior Ampliar Seguinte



© 2008 Concello de Ribadeo