Concello de Ribadeo


Compartir:

Festas, eventos e mercados


Son moitos e moi variados os acontecementos festivos, culturais, deportivos, comerciais… que teñen lugar en Ribadeo ao longo do ano. Aquí tes unha selección dos máis relevantes.

Comezando polas festas de índole relixiosa cómpre destacar, na longa lista delas que suman as parroquias ribadenses, as da Semana Santa, con actos organizados pola Asociación de Amigos da Semana Santa; as do Carme, nas que cada 16 de xullo se honra á patroa das xentes do mar nos portos de Ribadeo e Rinlo; as festas de San Roque, co-patrono de Ribadeo, coa saída dos Cocos, que se celebran o 16 de agosto e as patronais de Ribadeo, que teñen lugar o 8 de setembro na honra de Santa María do Campo. Destacan tamén nesta última os tradicionais desfiles do Coco e da Coca e os fogos artificiais da noite do día 7.

Cun carácter máis popular e etnográfico sobresaen tamén a festa das Cruces, en Arante; ou a Xira de Santa Cruz, que se celebra cunha romaría nos montes de Ove e que está recoñecida como festa de Interese Turístico Nacional. Esta mesma data quedou fixada tamén, en 1965 como Día da Gaita Galega.

Neste punto é necesario tamén mencionar o Entroido, que pola súa longa tradición e grande asistencia de público é un dos máis importantes do norte galego e de Asturias. Destacan as súas numerosas comparsas e charangas, as celebracións do martes de Entroido e a queima do Entroido no sábado seguinte. Esta celebración figura no Libro Guinnes por ter en 1998 o maior boneco de Entroido de toda España.

No apartado das festas gastronómicas destacan a do percebe, en Rinlo, e a da carne ao caldeiro, en Remourelle (Arante).

Festivais e outros eventos

En Ribadeo organízanse tamén importantes eventos culturais, deportivos... entre os que destacamos:

Festival creativo de curtas On & Off. A comezos de agosto este festival converte as rúas nun escenario xigante ao que acoden moitos/as afeccionados/as do audiovisual para rodar e mesmo participar como actores e actrices. A tecnoloxía dixital posibilita unha filmación, produción e exhibición case inmediatas. Celébrase desde o ano 2005 e inclúe actividades formativas.
Máis información na web oficial do festival.

Xornadas 'Mar por Medio'. 'Mar por Medio' está consolidado como un dos eventos culturais máis relevantes do país. Celébrase anualmente desde 1993 e nas súas últimas edicións centrouse nas diferentes estratexias de difusión da nosa cultura, sobre todo nos países da lusofonía e Iberoamérica.

Mostra de teatro afeccionado Daniel Cortezón. No mes de setembro Ribadeo pon en valor e difunde o teatro afeccionado de calidade con esta mostra que leva o nome do escritor ribadense Daniel Cortezón, cuxas obras pertencen á historia do teatro galego do pasado século.

Festival de habaneras e música hispanoamericana 'Ría de Ribadeo'. Cita estival organizada pola Coral Polifónica e o Concello de Ribadeo desde 1994. Promove a difusión da actividade coral a través de intercambios con outras corais galegas e foráneas, nomeadamente asturianas.

Festival Internacional de Música Clásica de Ribadeo. Leopoldo Erice dirixe e organiza desde 2006, co apoio e patrocinio da Fundación Caixa Galicia e do Concello de Ribadeo, este festival de música clásica. Acoden a el artistas nacionais e internacionais de gran calidade.

Trofeo de Fútbol 'Enma Cuervo'. O vicedecano dos trofeos futbolísticos de verán que se desputan en España ten lugar cada ano, desde hai máis de medio século, no estadio municipal Pepe Barrera.

Concurso de tapas 'Ribadeo de tapeo'. Concurso gastronómico que ten lugar na terceira semana de maio. A cociña en miniatura e os establecementos de hostalería da zona son os seus protagonistas.

Feiras e mercados

Ribadeo mantén a súa histórica tradición comercial con mercados como o 'dos domingos', coñecido así por ter lugar o segundo domingo de cada mes, no inverno, e todos os domingos de xullo e agosto. Faise na praza de abastos coa colaboración da Asociación de Produtores da Horta A Sucadoira e é un dos mellores escaparates da zona para os produtos hortícolas. Tamén se pode atopar unha gran variedade de artigos no mercado que se celebra, no mesmo lugar, todos os mércores do ano .

Con motivo do peche da campaña de verán do mercado dos domingos tamén se celebra a 'Feira de produtos da horta', cuxa posta en marcha se lle debe ao grupo de desenvolvemento rural da Asociación Puente de Los Santos, a través do programa Leader. Ten lugar na praza central da vila nunha fin de semana da segunda quincena de setembro e grazas tamén á colaboración da Asociación de Produtores da Horta A Sucadoira.

Cunha periodicidade anual, sobresae o mercado do nadal, que ten lugar na ponte da Constitución no parque de San Francisco. Conta tamén cunha grande variedade de produtos e de actividades para nenos e maiores.
Festas patronais na vila de Ribadeo

Festas patronais na vila de Ribadeo

Encontro do trofeo 'Enma Cuervo'

Encontro do trofeo 'Enma Cuervo'

Unha rodaxe no Festival creativo de curtas On & Off.

Unha rodaxe no Festival creativo de curtas On & Off.




© 2008 Concello de Ribadeo