Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

A SESIÓN ESTÁ PREVISTA PARA AS NOVE DE MAÑÁ

Pleno extraordinario o vindeiro xoves

17/04/2012

O xoves, 19 de abril, celebraráse un pleno extraordinario no Concello de Ribadeo para que a Corporación se manifeste a favor de todo o traballo realizado co fin de conseguir unha residencia de maiores na vila. O alcalde, Fernando Suárez, que tamén é presidente da comisión institucional pro residencia, agarda que os e as ribadenses acudan á manifestación convocada para o domingo pola plataforma de asociacións veciñais.

O rexedor explicou que "no día de onte, atendendo a unha convocatoria que nos facía a plataforma de asociacións de veciños que desde hai tempo veñen traballando para reivindicar a creación dunha residencia da terceira idade en Ribadeo, xuntamos a esta comisión institucional da que formamos parte as diferentes formacións políticas da Corporación de Ribadeo xunto tamén con esta plataforma, e acordamos celebrar un pleno extraordinario no Concello".

Suárez Barcia contou que "será este xoves, 19 de abril, ás 9 da mañá e onde a Corporación se manifestará a favor de todo este traballo que se leva facendo, social e institucionalmente, para conseguir unha residencia de maiores en Ribadeo, sabendo das dificultades económicas que pasan todas as administracións, pero sabendo tamén que temos que dar o mellor de nós, desde o punto de vista político, e antepoñer os intereses de Ribadeo por enriba de calquera outro de tipo político e partidario".

Para o alcalde ribadense "este pleno ven revestir de formalidade algo no que xa levábamos tempo traballando e con certa sintonía entre todos. Este pleno é tamén produto dun texto conxunto, que estamos a elaborar entre todos, para que todos o poidamos apoiar de maneira unánime a ser posible, ou máis que posible sería recomendable".

Fernando Suárez lembrou que "o vindeiro domingo, 22 de abril, haberá unha manifestación convocada pola plataforma de asociacións de veciños en Ribadeo e todos os representantes dos grupos políticos que nos reunimos onte no Concello prestámoslle o noso apoio e alí estaremos a título individual ou colectivo, pero será boa cousa que os veciños e as veciñas de Ribadeo tamén presten o seu apoio a esta manifestación acudindo a ela".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo