Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto lona mercado

SERÁ DO 3 AO 8 DE DECEMBRO

Mercado do nadal

30/11/2011

O vindeiro venres arrinca en Ribadeo a novena edición do tradicional Mercado do Nadal, organizado polo Concello de Ribadeo en colaboración coa Área de Turismo da Deputación de Lugo. Na carpa ubicada no parque de San Francisco daránse cita máis de 30 artesáns. E alí haberá tamén obradoiros para nenos e para adultos e actuacións musicais, entre outras actividades.

A concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo, Ana Martínez, convidou "a todos os veciños e veciñas de Ribadeo así coma aos visitantes que se achegan á vila durante as vindeiras pontes, procedentes tanto da Mariña de Lugo coma do Occidente astur ou doutras zonas, a participar neste Mercado do Nadal, que terá lugar nunha carpa situada no parque de San Francisco no centro da vila". A cita será do 3 ao 8 de decembro e o horario de visita será de 11 a 14 horas polas mañás e de 17 a 21 horas polas tardes.

A edil nacionalista sinalou que "a presente edición acollerá a máis de 30 artesáns, procedentes na meirande parte de Asturias e de Galicia, converténdose así nun escaparate para estes profesionais ao tempo que se converte tamén nun atractivo máis para que a xente se achegue a disfrutar de Ribadeo. Os stands dos  artesáns comprenderán diversos oficios, ademáis de produtos alimenticios e manufacturados, pero cun elemento en común o arte de feito a mán, que é fundamental para poder participar como artesán neste mercado. Así haberá doces, embutidos, mel, coiro, xoiería, barro, papel, prata, tecidos, olería, cerería, ou madeira".

Martínez explicou que "tamén contaremos para animar o Mercado do Nadal con actividades diversas dirixidas a todo o público dentro da mesma carpa". O sábado, 3 de decembro, ás 11:30 da mañá haberá un obradoiro de cestaría tradicional, que se prolongará ao longo da tarde para que a xente poida rematar os seus traballos, e a partires das 19:30 horas haberá unha actuación de danza a cargo da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo. O 4 de decembro ás 18:30 horas será tempo de escoitar un contacontos con Antón Castro, membro de Fuxan os Ventos, e o 5 de decembro ás cinco da tarde terá lugar un novo obradoiro de cestaría urbana, “para participar neste taller é necesario traer da casa refugallos flexibles como cartón, plásticos, tetrabriks, etc” e ás 20 horas haberá un concerto de alumnos da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo. Para o 6 de decembro ás 17 horas hai previsto outro contacontos, será con Lola Erre que Erre, e para as 18:30 horas un obradoiro de barro. O 7 de decembro ás 17:30 Amigos da Gaita impartirá un obradoiro de baile tradicional e pandeireta e ás oito da tarde o colectivo fará unha exhibición de danza, pandeiretas e gaitas. E o 8 de decembro ás 17:30 terá lugar un obradoiro de impresión de camisetas para nenos.  Durante o mercado poderáse visitar a exposición que recolle fotos antigas de Ribadeo e a súa xente, cedidas polos veciños e veciñas dentro do proxecto Ribadeo na Memoria.

A concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo anima á xente "a achegarse a Ribadeo a disfrutar do noso concello toda a ponte, a maiores do seu propio atractivo éste acentúase con este Mercado do Nadal, que ven abrindo paso ás festas navideñas". 

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo