Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto operarios Torre dos Moreno

FERNANDO SUÁREZ DI QUE O MÁIS URXENTE É SALVAR O EDIFICIO

Torre dos Moreno

08/02/2011

O alcalde de Ribadeo asegura que non será obstáculo para a rehabilitación da Torre dos Moreno, pero sí no caso de que se queira especular co edificio máis emblemático do concello. Suárez Barcia recoñeceu terse enterado pola prensa da venda do 50% desa propiedade.

O rexedor sinalou esta mañá que "desde o Concello oficialmente non sabemos nada, ningún comprador se puxo en contacto con nós por máis que o Concello teña o 21% da propiedade deste inmoble e por máis que o Concello nos últimos tempos está a facer algo básico, que é que a Torre non se desplome".

Fernando Suárez considera que "a priori que varias familias lle vendan a unha parte debe ser ben visto polo Concello, porque en todo caso son menos os propietarios e teóricamente e hipotéticamente hai máis con quen falar para facer algo tan obvio como apuntalala ou para facer a operación de rehabilitación co fin de impedir que se veña abaixo e para que a parte privada, que supón o 30%, axude a pagar a factura cuantiosa que vai supoñer rehabilitar a Torre dos Moreno. Si ben digo isto tamén digo, e ogallá me equivoque, que mal empezamos cando os compradores non contactan co Concello e os vendedores, a pesares de que nos últimos tempos lles estamos a enviar requerimentos sobre o estado no que se atopa a Torre, non nos contestan para nada e me entero polo periódico de que están a facer compra-vendas".

O alcalde ribadense pensa que "quizáis estas compra-vendas foron aceleradas desde o momento no que o Concello advertiu públicamente e a través dos boletíns oficiais que a relación coa propiedade ía cambiar radicalmente, que é un edificio que se pode vir abaixo en calquera momento e que hai que adoptar medidas. Viron que máis que ter un dereito ou unha virturde o que teñen é problema e quizáis se quixeron desfacer canto antes desa parte polo que poida pasar no futuro".

Suárez Barcia manifestou que "hai algunhas incógnitas que me disgustan a min e aos xurídicos cos que teño consultado isto. Dóeme que sempre teño unha relación exquisita coa Xunta e co xefe territorial de Cultura, sempre digo que estamos a traballar codo con codo, non entendo que pinta o xefe territorial en toda esta operación de compra-venda e lamento ter que ler que o delegado lle di ao alcalde que teña moito coidado co que di, que non vaia poñer pedras no camiño, etc. O alcalde ten que defender o interese público, primeiramente debo defender que a Torre non se veña abaixo, debo defender a propiedade que o Concello ten aí para que non sexa vendida e debo velar para que os principios de seguridade, ornato e salubridade se cumpran, a pesares de que a algúns propietarios lles poida disgustar que lles poidamos requerir determinadas cantidades de diñeiro polo que custará amañar todo isto".

O rexedor subliñou que "o alcalde non será obstáculo para a rehabilitación da Torre, nin para que uns particulares lles poidan vender a outro, pero o alcalde sí será un obstáculo no caso de que se queira especular coa Torre dos Moreno ou no caso de que se queiran facer coa parte que é do Concello, que por certo foi adquirida cando Andina era alcalde de Ribadeo hai 15 anos. Intento ser día tras día un obstáculo para que a Torre non caiga e iso é no que a Xunta e o xefe territorial de Cultura, máis que en estar radiando esta compra-venda, deberían estar preocupados en traer esa parte comprometida para apuntalar o inmoble, porque os traballos previos que o Concello ten feito están rematados, só estamos agardando a que traigan eses puntais para proceder a realizar esa operación, porque o máis urxente é salvar o edificio máis emblemático de Ribadeo".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo