Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto vista de Ribadeo

O PROXECTO DO CONCELLO CONTA CO PATROCINIO DA DEPUTACIÓN

Fototeca en Ribadeo

26/01/2011

O Concello porá en marcha unha fototeca ao longo das vindeiras semanas, segundo ven de anunciar o alcalde, Fernando Suárez. O obxectivo é recuperar a historia pasada de Ribadeo e ilustrar ás xeracións futuras.

O rexedor sinalou que "se trata dunha iniciativa que, sen dúbida, terá moi boa acollida entre as veciñas e os veciños de Ribadeo. É un proxecto que nós queremos importar doutros concellos que xa levan tempo facendo estas accións con notable éxito. O que pretendemos é que a veciñanza nos vaia aportando e prestando fotos anteriores a 1970 e que reflexen unha imaxe do Ribadeo de antes, con paisaxes, retratos, festas, oficios, faenas do campo, arquitectura popular ou calquera outro tipo de fotografías que consideren de interés".

Suárez Barcia engadiu que "unha vez que o material se nos preste será escaneado e devolto no mesmo día aos seus propietarios. Nós quedarémonos cunha copia en soporte dixital, que será a materia para facer logo unha serie de exposicións na vila ou nas parroquias. Gustaríanos contar co arquivo fotográfico que de boa fé moitos veciños e veciñas nos queiran deixar para ir avanzando un pouco máis na recuperación da nosa historia pasada e que, si cadra, moita xente a día de hoxe descoñece. Queremos ilustrar ás xeracións vindeiras de cómo era o Ribadeo de antes".

O lugar de recollida das fotos será o Telecentro de Ribadeo. Os interesados poden acudir alí polas mañás de 12.00 a 14.00 horas e polas tardes de 16.00 a 18.00 horas. O prazo de entrega remata o 15 de marzo. A fototeca é un proxecto do Concello de Ribadeo, que conta co patrocinio da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo.

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo