Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

NON HABERÁ MÁIS FLEXIBILIDADE

Horarios dos locais de ocio nocturno

17/09/2010

Fernando Suárez, o rexedor, non permitirá que Ribadeo se converta "nunha especie de Sodoma e Gomorra". Así resposta a un colectivo que ven de pedirlle máis manga ancha co peche dos locais de ocio nocturno.

O alcalde de Ribadeo referíuse hoxe a unha petición plantexada por un colectivo veciñal que demanda máis permisividade acústica e liberdade de horarios para os locais de ocio nocturno. Fernando Suárez manifestou que "moi poucas veces fago reflexións públicas sobre algunhas das ideas que ten unha asociación que se di de veciños, pero logo despois de representación veciñal pouco ten a xulgar polas súas pintorescas propostas. O desta vez si que me parece importante. Eu como alcalde caracterízome por tentar conciliar intereses contrapostos, por tentar que todo o mundo cumpra a lei aínda que da maneira máis humana posible, etc…".

O rexedor sinalou que "falando do tema do ruido nocturno, cando o Concello está condeado desde hai anos a pagarlle unha cantidade de diñeiro periódica a un particular por non ter resolto este problema;  cando eu como alcalde quixen hai poucos meses aprobar unha ordenanza do ruido que contemplara unha serie de cuestións para facer máis fácil a convivencia entre os que producen o ruido e os que teñen que sufrilo e a Corporación toda, agás o equipo de goberno, votou en contra di dita ordenanza; cando teño múltiples queixas de veciños que me din que non poden durmir, que teñen moitas molestias, que acuden ao Valedor do Pobo e que me din que eu non fago nada… nunha situación tan complicada, pedirme como me pide esta asociación que convirta a Ribadeo nunha especie de Sodoma e Gomorra, iso desde logo poden estar ben seguros e tranquilos de que nunca o farei".

Fernando Suárez quere que "todo o mundo cumpra a lei, quero que todo o mundo gañe,  quero que todo o mundo traballe pola noite, pero tamén quero que todo o mundo durma e desde logo hai algunhas actividades dalgúns establecementos moi concretos dos que esta asociación sabe moito porque ten unha afinidade directa que pechan ás 7, ás 9 ou ás 10 mañá en horarios que para nada están autorizados e despois se laian porque o Concello de Ribadeo os sanciona. Sancionamos iso como cando vai alguén e aparca enriba dunha acera e chega a Policía e o multa, porque neste mundo para non vivir nunha anarquía temos que vivir cuns dereitos, cuns deberes e cunhas normas que hai que cumprir. E aínda que moitas veces un teña que ser flexible, non pode pola contra permitir que isto sexa unha anarquía, porque cando a xente vota a unha persoa para que sexa o alcalde de todos e de todas é precisamente para iso para que sexa o alcalde de todos e de todas e non dunha parte moi concreta".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo