Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto bus praia

COMEZA A FUNCIONAR O VINDEIRO SÁBADO 10 DE XULLO

Bus praia

08/07/2010

O sábado comeza a funcionar un servizo de autobuses entre Ribadeo e as praias de Os Castros-Illas, Esteiro e As Catedrais. Trátase dunha novidosa iniciativa que poñen en marcha o Concello e a empresa Eocar que operará todos os días da semana durante os meses de xullo e agosto.

O vindeiro sábado 10 de xullo comezará a funcionar o bus praia, unha iniciativa novidosa que poñen en marcha o Concello e a empresa Eocar para que ninguén quede sen ir aos areais ribadenses durante o verán. O servizo partirá a diario da oficina de turismo e parará na rúa Virgen del Camino e na estación de autobuses, para seguir ata as praias de Os Castros, Esteiro e As Catedrais. De luns a domingo a saída será ás 15:15 e a volta ás 20 horas. Os sábados, domingos e festivos tamén haberá autobuses pola mañá que partirán ás 11 de Ribadeo e retornarán  ás 13:30 horas. O prezo da viaxe ida e volta será de 2,5 euros para os adultos e de 1,5 para os nenos menores de 8 anos.

O alcalde, Fernando Suárez, contou que "hai dous ou tres anos iniciamos xa conversas con Eocar para tentar poñer en marcha o servizo que hoxe presentamos. As praias de Ribadeo son fermosas, estes días imos izar as bandeiras azuis, as da Q de calidade e a ISO 14.001, pero todas eles teñen o inconveniente de que están certamente distantes do ámbito urbano de Ribadeo. Os Castros, As Illas, Esteiro e As Catedrais son moi bonitas, están lonxe e ás veces fanse pouco accesibles para aquelas persoas que non teñen medios de locomoción propios e os medios de locomoción colectivos non están preparados para dar este servizo con certas garantías".

O rexedor explicou que "por diversos motivos non puidemos poñer en marcha esta iniciativa e durante todo este último ano a empresa Eocar estivo a xestionar unha autorización autonómica, imprescindible para poder levar esto adiante. E unha vez conseguida desde o Concello, non entrando na relación empresa-Xunta,  sí queremos entrar nunha relación Concello-empresa a través da publicidade, dado que nos interesa moitísimo que este servizo funcione polo que ten que ver cunha maior mobilidade, cunha maior implicación do transporte público, cunha menor contaminación e para un maior achegamento ás praias tanto dos ribadenses como dos moitos turistas que nos visitan, algúns deles chegan en transporte colectivo á nosa vila e despois non teñen cómo desprazarse. O que queremos é que poidan desde Ribadeo ir ás praias todos os días".

Suárez Barcia engadiu que "o que fixemos desde o Concello foi coordinar con Eocar varias paradas a parte da propia da estación de autobuses.  Haberá unha na oficina de turismo, outra na rúa Virxe do Camiño e despois os autobuses deixarán aos viaxeiros nas praias de Os Castros, Esteiro e As Catedrais, haberá diferentes horarios e teremos que facer estes días unha importante campaña de publicidade para dar a coñecer o servizo, editaremos cartelería e tamén folletos informativos que poderán obter na oficina de turismo de Ribadeo e haberá sinalización das paradas para que todo o mundo saiba a onde ten que dirixirse". O alcalde suliñou que "se trata dunha iniciativa novidosa en Ribadeo, na Mariña e entendo que moi poucos sitios de Galicia teñen este tipo de servizo, confío en que teña unha boa demanda do público e agradezo e valoro o esforzo da empresa Eocar por conseguir esta autorización. Desexamos desde o punto de vista do turismo, do medio ambiente e da sostibilidade que o transporte público sexa un referente, e non se quede só neste verán senón que se consolide no futuro para que sempre poidamos ter unha ruta das praias".

Pola súa banda, o xerente de Eocar, Luis Rodríguez, manifestou que "a condición coa que nos deron a autorización para a posta en marcha do servizo esíxenos que o billete sexa expedido ida e volta. Non ten consideración de línea regular propia, senón que se trata dun servizo especial co que non podemos coller nin deixar xente noutras paradas que non sexan as xa establecidas no caso urbano de Ribadeo e nas praias. O prezo do billete ida e volta para adultos é de 2,5 euros, para usar no mesmo día, e o billete para os nenos menores de 8 anos costa 1,5 euros. E hai bonos para adultos e para nenos de 10 viaxes aos prezos de 20 e 10 euros respectivamente. Haberá unha expedición diaria de luns a domingo con saía ás 15:15 horas da oficina de turismo e retornando ás 20 horas das Catedrais. E os sábados, domingos e festivos teremos un servizo a maiores polas mañás con saía ás 11 da oficina de turismo e regreso ás 13:30 horas desde As Catedrais".

Documentación

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo