Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

FORON APROBADAS POR UNANIMIDADE NO PLENO DE ONTE

Alegacións ao POL

11/05/2010

O pleno aprobou por unanimidade as alegacións ao Plan de Ordenación do Litoral e as bases das axudas dos ARIs de Ribadeo e de Rinlo. Quedou sobre a mesa a adxudicación das obras de mellora da travesía. O alcalde, Fernando Suárez, agarda que non se trate dunha actuación dilatoria de PSOE e PP que poida poñer en risco o inicio desas obras neste 2010.

O rexedor destacou "a normalidade coa que se levou adiante o pleno no que a maioría dos puntos sairon adiante. Quedou, eso sí, enriba da mesa a adxudicación das obras de mellora da travesía de Ribadeo. PSOE e PP propuxeron pospoñer este asunto para miralo con máis detalle e para que os técnicos que o valoraron lles dean máis explicacións, no goberno municipal parecéunos correcto e entón quedou sobre a mesa ata que nos vindeiros días teñamos unha nova xuntanza cos técnicos para revisar e atender todas as cuestións que os grupos da oposición suxiren". Fernando Suárez explicou que "o único que lles dixen, sin ter por que dubidar do informe dos técnicos, é que non me gustaría que ésta fora unha actuación dilatoria no sentido de que esto non se adxudique para que este ano non se poida facer a obra. Sería moi grave porque hai unha serie de cuestións moi urxentes como facer unha nova rotonda no Xardín, como cambiar todo o pavimento da travesía, hai unha serie de obras que teñen que estar xustificadas a finais deste 2010 e é necesario ir adxudicando a obra, pero non temos ningún problema en que se mire, se remire e se revise todo o que se teña que revisar. O que lles pedín ao PSOE e ao PP é que non houbera escuras intencións de dilatar este proceso de maneira significativa, algo que podería dar ao traste coa adxudicación para que se puidese investir a anulidade máis importante que é a de 2010".

Na sesión de onte aprobáronse por unanimidade as alegacións ao Plan de Ordenación do Litoral da Xunta. Suárez Barcia suliñou "a unanimidade da Corporación tras os encontros mantidos semanas atrás con responsables da Xunta, con técnicos da empresa redactora do PXOM. Fixemos unha serie de suxerencias en conxunto no sentido de que o POL respecte o que a Corporación aprobe no seu PXOM. Entendo que a Xunta non debería facer oídos xordos diante desta cuestións". O alcalde engadiu que "por fin se aprobaron tamén as bases das axudas para unha nova fase do ARI de Ribadeo e para a primeira do de Rinlo e agora haberá máis xente que con menos presuposto poida optar a subvencións e máis xente que poderá ter subvencións de maior cuantía para acometer as rehabilitacións integrais dos seus inmobles".

O equipo de goberno abstívose na aprobación definitiva da modificación do regulamento de réxime interno do Hospital Asilo de Ribadeo. Fernando Suárez lembrou que "xa se aprobara hai un par de meses unha proposta do PP de darlle as mismas oportunidades aos ribadenses que viñeran tanto de fora do Estado como de fora do ámbito municipal, sen ter en conta a esixencia mínima dun número de anos de estancia entre nós para evitar causar un certo agravio con respecto aos potenciais usuarios ribadenses que levan aquí toda a vida cotizando, pagando os seus impostos e a fin de contas o Hospital Asilo é de tutela municipal". O alcalde explicou que "nós decidimos absternos xa que a nosa proposta foi rexeitada cos votos do PP e do PSOE e polo tanto nós por cortesía adoptamos esta decisión, ademáis o propoñente desta cuestión fora o falecido José Duarte ao que lle tiñamos unha estima especial, compartíamos o fondo, pero non a forma. Agardo que non se produzan circunstancias desagradables de que alguén que veña de fora sen ter ningún tipo de criterio, poida ocupar algunha das escasísimas prazas que saen de vez en cando neste Hospital Asilo, por diante de xente que tamén tivese preferencia por ser de aquí, por vivir aquí, por tributar aquí, por cotizar aquí e que ao final eso non sexa mérito ningún para que poidan ter acceso prioritario".

Na sesión de onte todos os grupos políticos decidiron apoiar unha moción "para que FEVE e Ministerio cumpran os acordos para a construcción desa terminal de carga e descarga de mercancías aquí en Ribadeo. Apoiamos outra relativa a que Estado e Xunta deben cubrir os baleiros na implantación da TDT nos aspectos que queden ainda pendentes. E houbo outra moción singular que tamén contou co noso apoio para que os recibos das compañías eléctricas se reacionalicen un pouco. Sabemos que se están a producir queixas moi razoables por parte de moitos usuarios porque un mes lles cobran moi pouco ao seguinte moitísimo e hai moita xente que está moitos meses sen recibir a factura da luz e despois aparecen cantidades astronómicas".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo