Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Concello de Ribadeo

O REXEDOR TILDA DE LEONINAS AS PRETENSIÓNS SINDICAIS

Convenio colectivo

05/05/2010

Quedaron rotas as negociacións do convenio colectivo entre sindicatos, comité de empresa e goberno municipal. O alcalde, Fernando Suárez, anuncia que aplicará a lei de orzamentos do Estado que para este ano prevé un incremento salarial do 0’3%.

O rexedor explicou que "despois de ter negociado durante bastante tempo co persoal funcionario, co persoal laboral do Concello a través dos seus representantes, dos seus sindicatos, a través do comité de empresa… desde o goberno municipal e desde esta alcaldía en particular estivemos traballando e negociando con toda honestidade e co ánimo de chegar a un acordo, pero os sindicatos están nunha situación absolutamente fora da realidade, non saben por onde andan, non son quen de recoñecer a situación económica global". Suárez Barcia manifestou que "os sindicatos nesta última xuntanza romperon todas as negociacións e nós dámolas por rotas porque o que non pode ser é que os sindicatos pretendan que un goberno municipal como o de Ribadeo ao que lle toca xestionar un Concello cunha situación económica fastidiada, como a que viven moitos Concellos, nos pretendan impoñer absolutamente todo. Todo o consideran dereitos, non consideran para nada ningún deber e non nos parece axeitado para os intereses dos veciños e veciñas deste concello que esto sexa un trágala e estimarlles todo canto eles nos querían propoñer".

O alcalde lembrou que "hai dous anos encargamos unha relación de postos de traballo á Universidade de Santiago para que nos fixese un estudio sobre si os traballadores cobraban satisfactoriamente ou non e revelou algúns datos que a moitos sindicalistas non lle gustaron nada, pero esa non é a nosa culpa. Despois ao comité de empresa nesta última xuntanza dun total de 10 propostas que nos presentou desde o goberno municipal con moito esforzo estimámoslle 7, pero nin con esas conseguimos que o comité de empresa votara favorablemente o que inicialmente parecía que ían aceptar. Dous dos tres sindicatos se desmarcaron e dixeron que non estaban vinculados para nada con ningún tipo de acordo". Fernando Suárez suliñou que "diante da falta de acordo e diante da imposibilidade de acceder a todos os requisitos que os sindicatos nos pedían, desde o punto de vista presupostario e tendo en conta a situación económica do Concello e global, o goberno municipal vai propoñer nos presupostos deste ano os incrementos previstos na lei de orzamentos do Estado e nada máis. E ao mesmo tempo advirto que adoptaremos as medidas acordes en relación coa finalidade de garantir maior eficiencia e eficacia no que son as relacións laborais no Concello de Ribadeo".

O alcalde deixa "aberta  a vía de negociación para chegar a un acordo no convenio colectivo, pero eu non sei o que pensan os representantes dos traballadores que moitas veces penso non teñen diálogo con eles. As propostas que con moita dificultade estábamos dispostos a aceptar e que nos cuspían na man, por dicilo dalgún xeito vulgar, eu non sei en que país viven nin en qué momento económico están porque moita xente en Ribadeo cobran salarios que poden ser un tercio ou unha cuarta parte do que perciben moitos traballadores do Concello, e eso é algo moi grave e eu como alcalde de todos os veciños e veciñas de Ribadeo non podo entrar polo aro de todas as proposicións, moitas veces indecentes que me fan".

O rexedor ribadense apuntou "creo que tiveron algunha xuntanza entre eles a posteriori e que dalgunha maneira estaban esperanzados en que dentro dun ano a situación política puidera cambiar e que o goberno puidera ser outro para así xa negociar con máis calma co novo goberno. Eu debo dicir que polo ben de Ribadeo ningún goberno debe entrar a aceptar unha serie de condicións leoninas moito máis aló das que nós estábamos dispostos a acadar con moito esforzo e sacrificio para buscar unha paz social e laboral no Concello de Ribadeo. Dous non acordan si unha parte non quere e nós con dor de corazón non imos entrar polo aro por todas as condicións leoninas de só pretender que aceptemos os dereitos e que da outra parte non acepten ningún deber adicional".

Fernando Suárez puxo un exemplo das pretensións dos sindicatos e do comité de empresa, "hai un exemplo concreto que nós tamén quixemos regular dado que temos informes de intervención que reparan mes a mes as nóminas xa desde hai anos, e queríamos propoñer un reparto con criterios obxectivos da productividade dado que se está a repartir de maneira lineal… e tampouco lles vale. Cando non vale nada o que imos facer é aplicar a rajatabla a lei de orzamentos do Estado, que para este ano recolle unha suba do 0’3% e sanseacabó".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo