Ayuntamiento de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto bispo

FOI UNHA DAS ORIXES MEDIEVAIS DE RIBADEO

Barrio de Cabanela

23/01/2023

O Concello fíxose coa propiedade de varias vivendas en estado ruinoso en Cabanela. O obxectivo é dedicalas ao aluguer para a xente moza. Catro deses inmobles eran do Bispado Mondoñedo-Ferrol. O alcalde, Fernando Suárez, e a concelleira Mónica Freire reuníronse nas últimas horas co titular da diocese, Fernando García Cadiñanos.

O rexedor dixo que "desde o Concello queremos dar un novo impulso á recuperación do noso patrimonio, da nosa historia e poñela ao servizo da nosa xente. E todo isto facémolo co diálogo e coa leal colaboración daquelas persoas ou entidades que responden á nosa chamada para buscar o ben común".

Suárez Barcia contou que "nestes días frutificaron os acordos nos que levamos tempo traballando con discreción para seguir facendo do noso casco vello un modelo de recuperación. Queremos recuperar o barrio de Cabanela. Este barrio foi unha das orixes medievais do que hoxe se coñece como Ribadeo, pero lamentablemente leva decenios en total abandono".

O alcalde indicou que "para iso, falamos cos lexítimos propietarios desas vivendas para que no las vendesen. Houbo unha compravenda a unha familia, á que lles estamos moi agradecidos. E tamén houbo cesións. Neste caso doutra vivenda por parte doutra familia e logo a entrega de catro edificacións por parte do Bispado de Mondoñedo-Ferrol por seren da súa propiedade. E vaia tamén o noso agradecemento".

Fernando Suárez manifestou: "e a cidadanía preguntarase, para que queremos esa cantidade de construcións en estado totalmente ruinoso?. Pois para engadilas a outras dúas que xa son das Administracións Públicas e poder iniciar así os trámites de reconstrución dese barrio para dedicalo ao aluguer de vivenda para xente moza de Ribadeo".

O rexedor sinalou: "estamos convencidos de que este expediente que hoxe iniciamos, será unha auténtica revolución á volta dun tempo con ese emprazamento tan simbólico, tan histórico e tan útil. Tomar o pasado e proxectalo cunha potencia tremenda para o futuro. Iso é o que levamos anos facendo desde o goberno municipal de Ribadeo".

E engadiu: "por iso queremos reiterar o público agradecemento a todas as persoas e institucións que colaboraron neste proceso, e especialmente ao Bispo de Mondoñedo Ferrol, Fernando García Cadiñanos, por aceptar desde o primeiro momento esta proposta que lle fixemos desde o Concello. Sabemos que a Igrexa e o Concello somos institucións totalmente diferentes. Pero o caso é que por camiños relixiosos ou laicos, as dúas partes puxémonos de acordo para chegar a un mesmo destino: traballar polo ben da nosa xente. Así o fixemos, e o resultado verase máis cedo que tarde".

+ Noticias




© 2008 Concello de Ribadeo